Ir ao contido
Pontecesures.net dende 2005

Novas anteriores · páxina 3.022

Política

Réplica sobre as acusacións do goberno local de Pontecesures relacionada co obscurantismo.

Por Luis Angel Sabariz Rolán ·

Ilustración de sección

En lugar de autorizar a consulta da documentación municipal requerida sae o goberno local de Pontecesures acusando a este concelleiro de interferir e prexudicar as tarefas diarias na Casa do Concello. Nada máis lonxe da realidade. Desexo replicar o seguinte:

1. Estase a solicitar a consulta dunha documentación que xa consta no concello. Non se pide a redacción de novos documentos, informes, ou outras tarefas nas que deban ocupar un tempo os traballadores. Pídese a relación de horas de traballo realizadas fóra de xornada en 2011 polo persoal (está xa elaborada e documentada mes a mes), pídense datos do expediente da adxudicación no mantemento da caldeira do CPI Pontecesures (que xa existe segundo manifestou o alcalde no pleno de xaneiro) e pídese unha factura dunhas xardiñeiras que segundo manifestou a concelleira, Cecilia Tarela, mercou o concello para a Travesía da Bandeira e que non teñen nada que ver coas subvencionadas pola Consellería de Economía e Industria.

2. Este concelleiro practicamente sempre solicitou autorización para consultar documentos xa “elaborados”, sen que se precisase labor algunha para os traballadores municipais. Tan só atopalos, claro. E para atopalos temos tres concelleiros con dedicación exclusiva toda a mañá nas oficinas cobrando un salario que pagamos todos os cesureños. Ben podían facer, alomenos, este cometido.

3. ? certo que algúns escritos meus foron enviados vía fax porque por razóns laborais non estou en Pontecesures polas mañás. Non me quedou máis remedio para efectuar os labores da oposición. Pero tamén hai que dicir que dende o concello a propia Cecilia Tarela comunicoume varias veces que os fax non tiñan validez e así tiven que presentar logo os orixinais en canto me foi posibel na Casa do Concello. O sexa, en lugar de facilitar as tarefas, poñen paus nas rodas para prexudicar as tarefas de fiscalización e control. En consecuencia, por fax ou nas oficiñas, son os mesmos escritos.

4. Non entrei nas oficinas municipais para levarme o programa da Festa da Lamprea como “primicia” antes da rolda de prensa. A programación deste ano tampouco animaba moito a coñecer a información con antelación logo do que se ía sabendo. Que se deixen de elucubracións e de ocorrencias.

5. Este concelleiro seguirá, agora dende a oposición, traballando a prol dos intereses dos veciños e da vila como sempre fixo. Por moito que oculten información, por moito que se incomoden, por moitas acusacións que me fagan, mentres sexa concelleiro sempre cumplirei coas miñas funcións. Para iso presenteime ás eleccións e para iso son tamén un representante de parte da veciñanza.

Pontecesures, 13/04/12

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures

Política

Resposta do Equipo de Goberno do Concello de Pontecesures ás acusacións de oscurantismo por parte do Sr. Sabariz

Por CONCELLO DE PONTECESURES ·

Ilustración de sección

Levamos uns días vendo como o Sr Sabariz nos acusa na prensa de oscurantismo entre outras lindezas.  Dende o equipo de goberno o que podemos asegurar e que neste Concello non existe dito oscurantismo.

Dende a nosa chegada a este Concello no mes de xuño o único que intentou este señor foi que a oficina traballara para él.  Estamos dacordo en que él ten dereito a información como membro da oposición.  Pero dende o equipo de goberno creemos que todo ten un límite.

Nas oficinas municipais temos problemas de persoal por distintas baixas laborais e él é sabedor desta situación.  Pero segue na súa liña.

O Sr Sabariz leva apresentados por ventanilla 25 escritos e 12 fax mandados dende o seu posto de traballo no Concello de Sanxenxo.  Cremos que as súas queixas son infundadas xa que só temos tres escritos sen contestar.

O primordial para este equipo de goberno e a atención dos veciños e despois non se preocupe que se lle irán contestando todos.

Teña calma xa que os traballadores non traballan só para Vostede e non intente colapsar as oficinas municipais.

Tamén queremos resaltar que cando non é coñecedor dalgunha información intenta conseguila da maneira que sexa.  Ven molestando aos distintos traballadores ou sustraendoa directamente.  Poñemos como exemplo o programa da festa da lamprea.  O día anterior a presentación estivo neste concello,  levouse un programa, e Vostede mesmo fixo que chegara a prensa antes da presentación.

Oscurantismo é o que practica Vostede intentado a través do teléfono ou paseando polos distintos despachos do Concello que os traballadores lle pasen información.  Tense dado o caso dalgún dos despachos de recibir 5 chamadas diarias ou máis feitas por Vostede .

Deixe traballar a xente, faga o seu traballo pero non minta.

 

Cultura

I Concurso de microcurtas “MOBILÍZATE” do Concello de Pontecesures.

Por CONCELLO DE PONTECESURES ·

O Concello de Pontecesures convoca este certame de pequenas curtametraxes elaboradas con teléfonos móbiles dirixido a estudantes da ESO ou de Bacharelato dos centros educativos de toda Galicia. A idade para participar neste concurso é de 14 a 20 anos.

Para o mellor desenvolvemento desta actividade levaráse a cabo a través do centros educativos.

Este concurso crease cos seguintes obxectivos:

–   Fomentar o uso da lingua galega entre o alumnado galego.

–     Promover o traballo en equipo.

–     Dar a coñecer a creatividade audiovisual presente na poboación estudiantil.

–     Empregar as novas tecnoloxías como un espazo para a creación.

O prazo de inscricións e de entrega das microcurtas é dende o 16 de abril ata o 15 de maio.

PREMIOS: (Serán entregados o 18 de maio no Concello de Pontecesures)

Lote de libros á mellor microcurta

Lote de libros ao mellor guión

Lote de libros á mellor interpretación

Lote de libros á microcurta preferida do público

Máis información ,consulta das bases do concurso e descarga do formulario de inscrición no seguinte enlace:

http://www.pontecesures.org/vernoticia.asp?id=332