
A malla celebrouse no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro.
Os integrantes da asociación de maiores â??Axentivaâ?�, de Valga, puxéronse de novo mans á obra para continuar coa recuperación do patrimonio tradicional inmaterial do municipio, especialmente no que se refire ás tarefas do campo. Onte tocoulle o turno á malla do trigo, que congregou a preto de trescentas persoas no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Os máis pequenos non perderon detalle dun proceso que para eles é totalmente descoñecido, pois a introdución da tecnoloxía moderna fixo que desapareceran este tipo de tarefas manuais. Esta actividade conta co respaldo promocional do proxecto Ronsel, integrado pola Xunta e as universidades galegas.
Os manles de madeira e coiro volveron bater con forza, por segundo ano consecutivo, no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro, en Valga. Unhas trescentas persoas, entre maiores e nenos, déronse cita para presenciar unha nova etapa do proceso de elaboración do pan ó xeito tradicional. Nesta ocasión foi a malla a protagonista. Os integrantes da asociación â??Axentivaâ?� tomaron en serio a súa tarefa como mestres por un día e na véspera ensaiaron o movemento que tiñan que darlle ós manles para que onte saíra todo perfecto. A verdade é que ritmo puxéronlle do bo, acompañado ademais polo son das pandereteiras de Moldes, que entonaron temas como â??A Carolinaâ?� ou â??Catro vellos mariñeirosâ?�.
Tras unha entrada triunfal de todos os participantes cargando con cestos e cos manles, os homes coparon o protagonismo á hora de bater no trigo para soltar o gran da palla. Non contaban cun pequeno inconveniente que lles fixo empregarse a fondo, porque o cereal resistíase a saír da casulla e houbo que darlle uns cantos golpes demáis antes de poder comezar coa escolma e botar man dos cribos para limpar ben o gran e poder gardalo para levalo a moer.
Entre tarefa e tarefa, tamén houbo tempo, e bastante, para a diversión e para repoñer forzas. Para iso, nada mellor que unhas galletas surtidas e unhas copiñas de viño doce ou de caña do país de Valga, xa fora branca ou de herbas. Co corpo quente e cheo chegou a hora de facer o palleiro, que puxo fin á xornada no colexio Ferro Couselo.
Caracterizados > Os aproximadamente 150 rapaces de Valga e tamén chegados de Pontevedra non perderon detalle de todo canto lles ensinaron os maiores, e algúns incluso se atreveron a botar man dos manles para probar sorte na â??arte de mallarâ?�. Moitos dos pequenos non perderon a ocasión de ir ó baúl dos recordos e vestirse como simpáticos velliños, con saias longas, panos na cabeza, sobreiros e incluso bigotes ficticios, que daban un maior realismo á imaxe dos alumnos e achegábaos aínda máis á época na que se facían estes traballos agrícolas.
O proceso de elaboración do pan non remata aquí, senón que aínda lle faltan varias etapas como a moenda, que se realizará nun dos poucos muíños que aínda funcionan na vila, situado na parroquia de San Miguel. O amasado será a penúltima etapa, xa que todo concluirá cunha boa comedela na zona da Candieira para celebrar o â??Seránâ?�.
Este proxecto para recuperar as tradicións de Valga cumpre xa dous anos e en ámbalas dúas edicións contou cun gran respaldo por parte da cidadanía, que acude cada vez en maior número a cada actividade que se celebra. A iniciativa está avalada polo proxecto Ronsel, integrado por Agader e as tres universidades galegas, e que precisamente traballa en prol da recuperación do patrimonio cultural e tradicional inmaterial de Galicia.
DIARIO DE AROUSA, 24/08/09