O coro “A Barcarola”, participará no 44º Festival de Panxoliñas de Caixanova.

Celébrase este festival durante varios días na sala de concertos do Centro Cultural Caixanova de Vigo, situado na rúa Policarpo Sanz nº 13 da cidade olívica.
O coro da Asociación A Barcarola de Pontecesures, dirixido por Yolanda Eiras, actuará o sábado, 5 de decembro a partir das 12 de mañá xunto con outras nove formacións. Será o terceiro en aparecer no escenario para interpretar tres cancións: Canto de Berce, Un afiador en Belén e Un rosal agromou.

Padrón non solta amarras.

Cal barco varado Padrón, talvez para lembrarlles ás novas xeracións o seu pasado de porto mariño do que o grande arcebispo Xelmírez mandou dende os astaleiros irienses a primeira escuadra da mariña española, segue ancorado resistíndose anos tras anos a soltar as amarras da engalaxe. Mentres os concellos dunha ampla comarca subían ao tren do progreso que os levaba á expansión urbanística da que hoxe fan gala e se benefician, Padrón permaneceu no sopor do doce soño vendo pasar o tren da oportunidade durante décadas, vivindo de rendas dun glorioso pasado do que só no plano histórico,de tradición e cultural soubo manter o alto nivel. Non obstante Padrón foi quedando no vagón de cola en canto ó desenvolvemento urbanístico.

Ata incluso no tema do Xacobeo, coma moi ben dicía hai días o párroco de Santiago de Padrón, reverendo Roberto Martínez, que sendo Padrón berce santiaguista aínda non estamos nas debidas e máis óptimas condicións en canto ás estruturas necesarias para garantir o éxito, confirmándose os reiterados comentarios que o cronista leva feito .

A urbanización da canle do río Sar que a Cotop ofreceu no 1991 coa construción de 2.600 vivendas foi sen dúbida a grande ocasión perdida. ¿Onde estaban os nosos políticos? Faltou decisión e valentía política para subir a un de tantos trens que pasaron pola porta de Padrón sen que se aproveitaran, do que se laian hoxe todos os padroneses.

Confiemos en que novos ventos sopren máis a favor desta gran vila e ao fin se produza o despertar do seu soño coa ansiada engalaxe…

José Castro Cajaraville. TIERRAS DE SANTIAGO, 01/12/09