Obxectivo cumprido. O Club As Torres-Romería Vikinga gañoulle o domingo a partida á Asociación Deportiva Pinatarense-Grupo Caliche na terceira proba da Copa de España de Promoción. Na Ría de Avilés o club galego sumou un total de 5.265 puntos, polos 4.856 do seu rival murciano, desfacendo ao seu favor o empate a 430 puntos que mantiña co Pinatarense na clasificación xeral da Copa.
A nivel de podios, o As Torres sumou a prata de Adrián Ferreira e o bronce de Antonio Manuel Lobato, ambos en Infantil A C-1 Zurdo. O Breogán-Outón Xunqueiriña rematou cun ouro, de Adrián Domínguez na proba mencionada, e dous bronces, de Alberto Vidal Barreiro en Infantil B C-1 Diestro e de Lara Díaz Valladares en Dama Infantil B K-1. Nembargante, o Breogán rematou noveno na clasificación por equipos, con 2.978 puntos.
Ademais, o palista do Club Náutico Pontecesures Álvaro Loureiro gañou a carreira Infantil A C-1 Diestro, ocupando o seu equipo o posto 27 con 1.272 puntos. O Illa de Arousa foi 16º (1.957 puntos), o Cambados 31º (1.167), o Liceo Marítimo de Vilagarcía 33º (1.120) e o Náutico O Muíño de Ribadumia 43º (926). En total participaron 85 equipos.
Descenso do Miño
Un día antes, o sábado en Ourense, o Piragüismo Illa de Arousa rematou terceiro na clasificación por equipos do Descenso do Miño, con Rogelio Dios gañando a proba Cadete C-1 e Noelia Paz facendo o terceiro posto en Cadete K-1. Lidia Martínez, do Náutico O Muíño (décimo por equipos), foi ouro en Xuvenil K-1, e Adrián Pazos, do Cambados (16º), segundo en Xuvenil C-1. O Pontecesures foi 14º.
LA VOZ DE GALICIA 13/06/2006