Axudas Individuais para persoas con Discapacidade 2018.

Infórmase á veciñanza que a Consellería de Política Social, abre o prazo de presentación de solicitudes de Axudas Individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal que se  realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2018, para persoas con discapacidade.

Requisitos

– Ter recoñecido un Grao de Discapacidade do 33%  ou equivalente

– Estar empadroada/o  e ter residencia nalgún concello de Galicia

– Que a renda per cápita da unidade familiar da persoa solicitante, non supere o 300 % do IPREM mensual vixente

– Que a entidade/profesional autónomo que presta o servizo de promoción da autonomía persoal figure inscrita/o, con anterioridade ao prazo de finalización de presentación de solicitudes, no RUEPSS,

Incompatibilidades

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas beneficiarias de calquera  servizo, prestación ou recurso  derivados do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, como consecuencia da aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Presentación de solicitudes:

As solicitudes de participación nesta convocatoria deberán presentarse preferentemente de forma electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de novembro.

A persoa beneficiaria deberá ter realizadas as actuacións obxecto da axuda antes do 30 de novembro e en todo caso, a data límite para presentar a xustificación será o 10 de decembro de 2018.

Documentación:

– Solicitude e anexos (procedemento BS613B)

– Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas e concedidas derivadas do SAAD ou outras axudas (anexo I).

–  Autorización de comprobación de datos (anexo II),

–  Copia do libro de familia, no caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade.

–  Certificado de discapacidade, no caso de ser expedido noutra comunidade autónoma.

–  Outra específica en función do obxecto da axuda solicitada (consultar as bases).

Para máis Información e presentación de solicitudes poden dirixirse ao Servizo Social Comunitario deste Concello os luns, de 10 a 14 horas, e os martes e venres de 9 a 14 horas.

BASES NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA DO 19/10/2018

“RISOS EN FAMILIA: OBRADOIRO DE RISA E MOVEMENTO” EN PONTECESURES.

Informase ás veciñas e veciños que o Concello de Pontecesures se adheríu ao Programa Tecendo Lazos 2018 da Deputación de Pontevedra, ao abeiro do que se vai desenvolver nos meses de decembro e xaneiro o obradoiro interxeneracional: “RISOS EN FAMILIA: OBRADOIRO DE RISA E MOVEMENTO”. Neste obradoiro as familias realizarán actividades con dinámicas e exercicios de risoterapia. Con este obradoiro peséguese mellorar o estado xeral dos asistentes, mellorando o seu estado de ánimo e favorecendo as súas condicións físicas.

O obradoiro desenvolverase nos meses de decembro e xaneiro, cunha duración total de 16 horas. As datas e horarios das sesións serán os seguintes: Dende o 26 ata o 28 de decembro, e do 3 ata o 4 de xaneiro de 11.00  a 14.00 horas, no CENTRO SOCIAL DE PONTECESURES (mércores 26, xoves 27, venres  28, xoves 3 e venres 4 -de 10.00 a 14.00 horas-).

As prazas son limitadas (máximo de 30) polo que se atenderá á orde de presentación das inscricións no Rexistro Xeral do Concello de Pontecesures.

Persoas beneficiarias e requisitos:

O obradoiro ten como destinatarias as familias de Pontecesures.

No programa poden participar persoas de 6 ata 99 anos, terán preferencia aquelas que se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións (netas/os, avoas/avós, fillas/os; nais/pais…).

As nenas e nenos de entre 12 e 17 anos (ambos inclusive) que queiran acudir sós deberán achegar o consentimento da nai ou pai ou da titora ou titor.

As nenas e nenos de menos de 12 anos deberán acudir sempre acompañados dunha persoa adulta; en ningún caso poderán participar menores de 12 anos non acompañados.

Tamén poderán ser beneficiarias do programa persoas doutros concellos cando non se cubran a totalidade das prazas ofertadas, sempre que presenten a correspondente solicitude no Rexistro do concello.

Documentación:

Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

— Fotocopia do DNI (das persoas participantes que se recollan na solicitude)

— Autorización/Compromiso de responsabilidade (só necesario para as e os menores de 12 a 17 anos que acudan sós aos obradoiros).

— Volante de empadroamento.

No caso de querer participar en diferentes concellos, deberase cubrir unha solicitude para cada un e achegar, en cada caso, a documentación correspondente, nos prazos de inscrición de cada concello.

Prazo de inscrición:                       

Dende o 1 ata 30 de novembro de 2018  incluído

Para máis información e presentación de solicitudes poden dirixirse á OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) na web http://www.pontecesures.org

 Impreso de solicitude TECENDO LAZOS 2018
 Autorización menores 12 a 17 anos TECENDO LAZOS 2018