«Hei seguir coa gaita ata que morra»
Ten só 14 anos e un prometedor futuro. Adriana Rivas estuda no centro de Pontecesures e pertence ao grupo Algueirada. Esta fin de semana viaxa a Bandeira, en Silleda, para participar no primeiro certame de gaiteiros solistas Manuel Dopazo.
-¿Cando comezou?
-Empecei coa frauta aos seis anos. E a miña primeira gaita mercáronma no 2000, cando tiña oito anos, así que levo seis tocando.
-E tocando moi ben, seica.
-Home, si, toco ben.
-¿De onde vén esta paixón?
-Non sei. A min xa dende pequeniña gustábame moito tocar. Ía escoitando cancións e ía quitándoas.
-¿De oído?
-De oído, pero agora vou tamén a clase de solfeo.
-Oído ben fino, xa que logo.
-Si, bastante fino, é certo.
-Dígame, ¿que tal o certame?
-Sei que vén xente de moito prestixio como Edelmiro Fernández ou Dani Bellón…
-¿? o seu primeiro concurso?
-Noon, non hai moito, en abril, dous días antes do meu cumpreanos, fun ao meu primeiro concurso.
-Moitos nervios…
-Pois non. Alí estaba como sedada. Ensaiara moito, por iso estaba moi tranquila, e as cancións saían soas. Os meus pais estaban máis nerviosos ca min. E mesmo o meu profesor, Miguel Castaño, que está seguido apoiándome; pero eu non.
-¿E como ve o seu futuro coa música? ¿Como profesional, se cadra?
-A ver, ao final non sei se, por circunstancias da vida, poderei dedicarme por completo, pero o que lle digo a todo mundo é que quero ser gaiteira. Se cadra teño que facer outro traballo, pero hei seguir coa gaita ata que morra, iso é seguro.
-O certo é que exemplos coma os de Seivane ou Pato demostran que as mulleres si poden abrirse camiño neste mundo.
-Podemos, si. ? verdade que hai máis rapaces. Pero eu teño algunhas compañeiras que tamén tocan a gaita. Logo, xa veremos.
LA VOZ DE GALICIA 16/06/2006
1 comentario
Luis Angel Sabariz Rolán · 17-06-2006 a las 11:39
Moi boa a entrevista Adriana. Ogallá teñas moita sorte mañá no concurso. Con só 14 anos seguro que os especialistas vanse sorprender coa túa calidade.