A oposición segue amosando as súas reservas respecto do parque empresarial de Pontecesures
A visita a Pontecesures do delegado provincial de Vivenda e Solo, Eudosio Álvarez, e do xerente de Xestur Pontevedra, Emiliano Quintillán, poucas portas abriron a un posible consenso do goberno local e a oposición para sacar este proxecto adiante.
O BNG necesita o apoio de polo menos un grupo da oposición e ningún dos tres PP, PSOE e ACP dan de momento o seu si ao proxecto. Populares e socialistas insistiron onte durante o encontro mantido cos representantes da consellería que se opoñen ao actual emprazamento na Tarroeira, mentres que Luís Sabariz segue sen definirse. «Terei que estudalo moito», sinalaba onte.
En todo caso, nin sequera está claro que vaia ser a actual corporación a que teña que tomar as decisións que afectan a esta obra. Aínda que os traballos van rápidos – a consellería conta con ter rematado o parcelario e os estudos topográficos a finais deste mes – logo aínda haberá que convocar un concurso de ideas no cal se definirá realmente o que se quere facer na Tarroeira. Quedan por diante aínda moitos trámites que se poden dilatar varios meses polo cal todo fai prever que o asunto no irá a pleno nesta lexislatura. O que está claro é que o polígono empresarial será un dos asuntos sobre os que pivotará a campaña electoral en Pontecesures.
O enfrontamento neste tema, coma noutros moitos, entre o alcalde e a oposición é patente. Onte, sen ir máis lonxe, nin sequera coincidiron na reunión. O rexedor e membros do seu goberno reuníronse primeiro con Álvarez e Quintillán e logo, por separado, celebrouse a reunión co resto dos grupos. A oposición criticou onte ao alcalde por este feito así como polo que consideran aínda escasa información respecto do proxecto. «Quedabamos como estábamos», indicou o portavoz popular, Ángel Souto.
O que quedou claro é que será un parque de empresas do sector terciario que compatibilizará o uso industrial co residencial e deportivo. Un «sistema modélico de convivencia», segundo as verbas do alcalde, «que se non quere Pontecesures sobran concellos que o queiran», advertiu o nacionalista.
LA VOZ DE GALICIA 06/10/2006
1 comentario
Tiroliro II · 6-10-2006 a las 20:37
Que vergoña terse que reunir o Delegado por separado cos membros da Corporación por culpa do tremendo talante de Angueira. Os da oposición parecian afastados nun trasteiro da casa do Concello.
A foto de Maribel na Mesa dos bós moi interesante. Parecía un polvo nun garaxe.