Humor á galega con toques solidarios.
Para entrar o único requisito era levar un quilo de alimentos.
O Auditorio Municipal de Cordeiro foi na tarde de onte escenario dunha curiosa e solidaria cita: Presentaron a súa última montaxe teatral, que leva por título ??Castiso?, e todos os que asistiron a esta estrea mundial tiñan un único requisito: Pagar cun quilo de alimentos, que posteriormente se van destinar á cociña económica de Santiago de Compostela.
A cita era moi importante. Cun espectáculo apto para todos os públicos, os integrantes da formación cómica, procedente do veciño concello de Padrón, conseguiron arrincar o sorriso de todo o público que se deu cita na tarde de onte.
Nenos e maiores, pais e avós, comezaron o acto cun sorriso na boca e á espera de coñecer en primicia a nova montaxe da formación. Dende que deu comezo a función ata que o telón pechou de xeito definitivo, as gargalladas foron a tónica dominante.
Composición.
«Castiso? é o título desta última montaxe que realizaron os Maldados.com, e a súa estrea fixérona coincidir co Nadal para así aproveitar estas datas e concienciar un pouco máis á poboación de que o día de mañá calquera pode precisar da axuda que prestan organismos sociais, como as cociñas económicas. Deste xeito, ??Castiso? serviu para que o público que ateigou o Auditorio valgués tamén desbordase as previsións da organización, posto que foron moitos os que levaron alimentos para os que o precisan.
A montaxe estivo composta por distintos sketches humorísticos, ao estilo dos Morancos, por poñer un exemplo, pero con personaxes e situacións moi familiares para todos os espectadores.
Ao final, risas a esgalla por parte do público e obxectivo conseguido no tocante á organización, que viu así cumpridas as súas espectativas en canto á recollida.
DIARIO DE AROUSA, 15/12/08
0 comentarios