O clan das churrerías cesureñas.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Cando Ángel decidíu adicarse a vender churros, non podía imaxinar que inauguraba unha tradición que perdura cando xa van alá catro xeneracións

A historia que conta Josefina Jamardo Doce arrinca coma os bos contos, cun «hai moito, moito tempo». Pois iso. Hai moito, moito tempo, un home de Pontecesures bautizado como Ángel decidiu subirse a un camión dos daqueles anos e empezou a percorrer os pobos da redonda de feira en feira vendendo churros. «Non ía tan lonxe coma nós agora, que percorremos toda Galicia, pero aínda andaba», conta a súa neta. Ángel chegaba, por exemplo, a Pontevedra. Non faltaba nas festas da Peregrina. «Alí, chamábanlle Capitán Pirata, pero non sei porqué».
O negocio que o Capitán Pirata se decidiu a montar foi medrando e collendo forza. Con tanta saúde creceu que os fillos de Ángel non o dubidaron e desembarcaron todos na empresa familiar. Da churrería orixinal (foi a primeira que abríu en Pontecesures) saíu un bo feixe de vendedores de churros e de pulpeiros. Nas feiras, a rede tecida polos herdeiros de Ángel medrou aínda máis coa terceira xeración, a de Fina. Ela e os seus irmáns «unha vez que tivemos que buscar a nosa vida, fumos abrindo cada un unha churrería». Ao clan pertencen establecementos con nomes tan recoñecidos como Fina, Patricia, La Cesureña, Jamardo…
O luns, Pontecesures celebrou a Festa do Churro. E alí reuniuse o clan case ao completo. Por que a terceira non vai ser a última xeración de churreiros que dea o pau de todas estas astillas, Ángel. «Del hai fillos, netos e bisnetos a traballar nesto», conta Fina. No seu caso concreto, os seus fillos traballaron durante un tempo facendo churros, pero decidiron deixar o negocio «por que é duro e atoparon vida por outros lados». Unha vida alonxada das feiras e dos sofocos do verán, cando o aceite no que se friten os doces abafa. Dos fríos e das humidades dos invernos pasados por auga. Das noites sen durmir, das longas viaxes de pobo en pobo.
«Algo bo terá que ter», di a entrevistadora. «O que ten é que gustarche», sentencia Fina. E garante que o segredo para que os churros saian ben é «facelos con cariño». «Máis segredos non hai: levan auga, fariña e azucre. E aceite para fritilos, claro», explica. Esa mestura tan sinxela e tan de toda a vida segue a ser un doce apreciado en todas as feiras de Galicia.
Os novos produtos
«Cando o meu avó empezou nisto, o que facía era o churro tradicional», conta Fina. Para darlle guerra aos outros produtos que foron aparecendo no mercado, as novas xeracións de churreiros tiveron que modernizarse, e apareceron os doces recheos de crema, os cubertos con chocolate… «Pero o que se segue vendendo mellor, o que máis segue a gustar, é o churro de sempre», conta esta experta na materia. «Gústalle a todo o mundo. Aos nenos e as parellas xa entradas en anos que cando van á feira levan sempre anque sexa o seu euro de churros».
Fina está convencida de que a súa familia especializouse nun oficio que lle imprime carácter ás feiras e romarías galegas. «¿Qué feira hai que non teña un posto de churros e un posto de polbo? Se non os hai, parece que falta algo. A festa xa non é festa». A súa reflexión ten moito de verdade. Por iso, Fina pode presumir de formar parte dun deses clans que contribúen a facer das romerías e dos mercados galegos eses entornos case máxicos nos que pode pasar de todo.

LA VOZ DE GALICIA, 12/07/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.