«Queremos un museo galego onde se recollan os vehículos antigos».
O delegado en Santiago do Clube Galego de Automóbiles Antigos, Emilio Fraga (Santiago, 1949), organiza o segundo Paseo Turístico Vigo-Santiago polas rías, Ruta Xacobea da Costa, que se celebrará do 22 ao 26 de xullo e no que poderán verse auténticas reliquias automobilísticas. Emilio chegará a Santiago o día 25 ao volante do seu Fiat Balilla do ano 1935.
-¿Que se fará en Santiago?
-Os coches concentraranse na cidade o sábado 25 e o domingo 26. O sábado haberá en Praterías un concurso de traxes de época e logo quedaremos no Obradoiro. Ademais, os máis antigos estarán na Alameda para conmemorar o centenario da feira rexional de Santiago do 1909. O domingo haberá concentración na estación de Renfe e logo iremos ao Obradoiro para asistir á misa do peregrino.
-¿Cal é o obxectivo do paseo?
-Queremos facer un chamamento ás autoridades para que se faga un museo galego de automoción onde se recollan os vehículos antigos, e así todos poidan gozar deles. Queremos sensibilizar á xente, xa que se non se fai nada, estes coches acabarán desaparecendo ou marchando de Galicia.
-¿Haberá algunha sorpresa?
-Este ano traeremos un coche especial, un Brush do ano 1909, que foi o primeiro vehículo en atravesar Australia de norte a sur. Ademais, suponse que só hai dous no mundo e este estará en Santiago os días 25 e 26. Tamén levaremos o sábado a Alameda bicicletas do século pasado.
LA VOZ DE GALICIA, 14/07/09
0 comentarios