As figuras do belén prepáranse para recibir ao neno Xesús.
Dúas integrantes da asociación ??Amigos do Belén? elaboran algunhas das duascentas figuras que se engadirán este ano ao nacemento de Valga.
A asociación ??Amigos do Belén?, de Valga, apura os últimos días para que, o 6 de decembro, volva a abrirse ao público un dos nacementos máis espectaculares e visitados de todos cantos se confeccionan en Galicia con motivo das festas de Nadal. Haberá novidades, que este ano chegan da man da Batalla de Casal do Eirigo ou a Festa da Xuventude. E tamén haberá sorpresas que só poderán descubrir os que vaian visitalo.
Achégase o Nadal e o Belén Artesanal de Valga xa quenta motores. O día 6 de decembro poñerase de novo en movemento e xa van quince anos dende que un grupo de veciños do municipio decidise sacar adiante esta iniciativa que, co tempo, se ten convertido nun dos nacementos máis impresionantes e visitados de toda Galicia. Os datos falan por sí mesmos. No Nadal de 2008 foron máis de 35.000 as persoas que se achegaron ata a parroquia de Campaña para botar unha ollada a este belén, que neste ano volverá a batir todos os seus récords: con máis de 3.500 figuras dispostas nunha superficie aproximada de 250 metros cadrados, aos que se chegaron logo dunha pequena ampliación do espacio expositivo.
Nestes días, os integrantes da asociación cultural ??Amigos do Belén? traballan a marchas forzadas para que todo estea listo e disposto para o 6 de decembro. Os nervios comezan a aflorar entre algunhas das 32 persoas que cada tarde se dan cita no local da Rúa Nova de Campaña para axudar nas tarefas de confección e distribución das figuras demais elementos que forman parte do belén. ??Hai quen di que non imos rematar para o día 6 e están nerviosos, pero eu penso que si?, comenta Mari Carmen Castiñeiras, concelleira de Cultura e presidenta de ??Amigos do Belén?.
Avanza que haberá novidades. Unha das máis notables, pola cantidade de figuras que aglutina, será unha recreación da Batalla de Casal do Eirigo, na que aparecerán un grupo de soldados franceses aos que plantan cara os membros dunha alarma local. Dous destes ??guerrilleiros? estarán en plena loita e terán movemento. Tamén aparecerá no nacemento a Festa da Xuventude, coa súa capea de vaquillas, na que un toureiro trata de guíar a unha das reses. E a isto haberá que engadir outras sorpresas que, polo de agora, non poden desvelarse e que haberá que descubrir ??in situ?. En total, haberá unhas duascentas figuras de nova creación, que os veciños elaboraron con periódicos, cinta de papel, arames, pasta de modelar e retais de tela.
No tocante á distribución, unha das innovacións será a presencia de casas colgantes, así como unha estrada con paseo que nestes momentos se está a colocar na parte superior. Nel aparecerá xente camiñando e, ao seu lado, unha estrada pola que circulan turismos e motos.
Nesta ocasión, ademais, os visitantes do belén poderán optar a un premio. Os organizadores plantexarán un concurso para que poida participar todo aquel que queira. Entre as figuras do nacemento aparecerá un personaxe da nobreza española e haberá que descubrir de quen se trata. As respostas terán que depositarse nun buzón e, entre os que acerten, farase un sorteo. O gañador poderá levar para a súa casa unha das figuras do nacemento que non teña movemento.
Esta, a do movemento, é unha das principais características do belén de Valga, que seguirá tendo carácter gratuito para todos os visitantes, aínda que a avoiña ??Diolo paghe? agardaráos a todos na porta pedindo limosna. Non faltarán de novo os efectos especiais, que se introduciron hai un par de anos, así como as principais escenas que rodean a historia do nacemento de Xesús: a anunciación, a adoración dos Reis Magos, a matanza dos inocentes… Unha voz en off irá guiando aos visitantes e relatando o Misterio do nacemento de Cristo e, en paralelo, as figuras comezan a coller movemento e a desfilar ante os ollos dos espectadores.
Sen esquencer, como rasgo singular, que estes douscentos metros cadrados de superficie acollerán tamén algunhas das tradicións de Galicia e, máis concretamente, de Valga: a malla do trigo, a matanza do porco, a Santa Compaña, un circo, a banda de música, a Bela Otero subida a un escenario, a procesión dos lacóns de Cordeiro, a dos panos de oito puntas de Xanza ou Mina Mercedes, que comparten protagonismo coas escenas propias da tradición belenista.
DIARIO DE AROUSA, 29/11/09
0 comentarios