«Na pintura eu aprendo tanto dos meus mestres coma dos meus alumnos».
A valguesa Ángeles Garrido expón parte da súa obra pictórica de inicios autodidactas no Consistorio da vila.
Ángeles Garido comezou a súa andaina na pintura de maneira autodidacta hai xa máis dunha década. Logo comeza a súa formación profesional na Escola Obradoiro Porto Piñeiro de Valga, entón na especialidade de canteiría. Logo de rematar a escola, realizou un curso de debuxo para modelado financiado polo programa Líder da UE. No ano 2002 ademáis, inicia a súa andaina empresarial como xerente de Siamn, Servizo de Intervención Artística no Medio Natural, Fora no 99 cando, como alumna no Obradoiro de pintura e modelado Adeval, inicia formalmente os seus estudos de pintura.
Dende que dera ese salto artístico cara á creación de cadros, expuxo xa en máis dunha treintena de ocasións, contadas dende 2002, data na que se estreara na Casa do Concello de Pontecesures. Tamén nese mesmo ano iniciou o seu taballo como monitora de pintura nos colexios de Baño e Ferro Couselo.
¿Como xurde a idea desta última exposición, que se pode visitar xa no Concello de Valga?
Pois nace a partir da miña tarefa como monitora nos colexios da zona. Un pouco sae a raíz diso, para que a xente, o público poda coñecer un pouco a miña pintura tras o contacto con nenos aos que ensino.
¿Como define, pois, esta pintura?
Tecnicamente, nesta ocasión, son óleos sobre lenzos. En canto á temática, pois é variada: Hai figuras, xarras e incluso mariñas e paisaxes. De todo un pouco.
¿Hai algún emprazamento que resulte coñecido na comarca?
Sí, alomenos un. Amoso alí unha imaxe do río Ulla.
¿Son obxectos e paisaxes estrictamente figurativos?
Nesta mostra en concreto sí, son todas imaxes figurativas, non hai nada abstracto.
¿Pero vostede cultivou nalgunha ocasión o abstracto?
Sí, sobre todo agora. Nos comezos durante moito tempo, non me atrevía. En contra do que moita xente cre, facer un cadro abstracto non é sinxelo, non é botar un pouco de pintura nun lenzo. Agora traballo un pouco máis coa abstracción, aínda que tamén sigo moito coa pintura realista, que é a que se pode contemplar nesta exposición de Valga.
¿Practica algunha outra modalidade pictórica?
Bueno, tamén fixen incursións no surrealismo e si, efectivamente, probei un pouco todos os conceptos desta arte.
En canto a ritmo de traballo, ¿canto pode empregar na elaboración dun cadro?
Pois depende moito comezando xa só polo tamaño. Como mínimo podería dicir que emprego un mes e de aí, pois ata hai obras que requiren un ano ou máis. O que ocorre é que eu opino que tamén influe moito o que che fala e pide a obra que tes diante.
Iniciouse vostede coma escultora….
Asi é. Comecei nesta vertente artística, aínda que por motivos persoais a abndonei logo e troqueina pola pintura.
E ¿con cal das dúas artes desfruta máis?
Penso que non son comparables. Teñen moito en común pero difiren tamén en moito, a escultura é mais dura, por exemplo..
¿Como comezou neste mundo da pintura?
Empecei de forma autodidacta, pero logo bueno, vin que había aquí en Valga unha escola e iso animoume a recibir formación alí.
Agora é vostede a que da clases…
Sí, pero para min é tan importante dar clases coma recibilas. Por iso me dan aínda clases, e non está de máis realcionarse con outros pintores para que me sigan ensinando. E por suposto, aprendo moito tamén dos nenos aos que dou clases e compañeiros. Eu creo que na pintura aprendes tamén do contacto coa xente.
«Arousa, un mar de cultura». DIARIO DE AROUSA 06/12/09
0 comentarios