O padronés Xosé R. Bustelo: «Os gobernantes pensan que a ciencia é un luxo innecesario»
Entrevista | Xosé R. Bustelo
Director da unidade de xenómica e proteómica do centro de investigación do cancro de salamanca
O equipo do investigador galego vén de descubrir unha nova ruta biolóxica clave no desenvolvemento da hipertensión
Leva media vida investigando contra o cancro, pero os seus últimos catro anos de traballo centráronse no estudo dunha familia de proteínas (Vav) cuxa ausencia provoca hipertensión. E agora tamén vén de descubrir unha nova e descoñecida ruta biolóxica que explica o porqué, co que se abre unha prometedora vía para o deseño de terapias máis innovadoras e eficaces para tratar a hipertensión. O biólogo molecular Xosé R. Bustelo (Padrón, 1962) traballou durante dez anos en Estados Unidos, a metade do tempo en Princetown e a outra en Long Island, ata que o ficharon no Centro de Investigación do Cancro de Salamanca, un dos institutos de excelencia da área en España. Dende hai un decenio é o director da Unidade de Xenómica e Proteómica da institución e agora tamén coordina o Programa Nacional de Xenómica, Proteómica e Bioinformática da Rede Española de Centros do Cancro.
-¿Como chegou a facer as descubertas sobre hipertensión cando traballaba no cancro?
-Non é raro. O que facemos para ver se unha proteína pode servir como diana terapéutica contra o cancro é ver se a súa inhibición pode ter un efecto colateral no organismo. E así foi como descubrimos en ratos que a inhibición das proteínas Vav tiña como efecto colateral o desenvolvemento da hipertensión.
-¿E que supón a maiores a descuberta da nova ruta biolóxica clave na hipertensión?
-Antes sabíamos que cando faltaba a proteína había máis presión arterial, e agora sabemos por qué. Descubrimos unha nova ruta de sinalización que regula cando os vasos sanguíneos se contraen e se dilatan.
-¿Que queda agora?
-Xa temos tódolos axentes implicados no proceso, polo que as próximas etapas pasan por identificar cales destes axentes se poden utilizar como dianas farmacolóxicas, que proteínas son útiles para manipular farmacoloxicamente. Logo aínda hai que atopar inhibidores que poidan bloquear a función destas proteínas. Estamos moi contentos do que temos feito, porque nós somos uns recén chegados ao campo cardiovascular.
-¿Ábrese entón unha vía prometedora para o tratamento da hipertensión?
-Si, abrimos novas portas, aínda que estamos falando de que os resultados non se verán ata medio ou longo prazo. Pódese abrir un abanico de dianas terapéuticas cas que se poidan deseñar novos fármacos e terapias para tratar a enfermidade.
-¿O recorte na redución dos presupostos en ciencia pode afectar ao seu traballo?
-Nós aínda non temos problemas, pero sempre se nota. Pero o que parece claro é que a única forma de avanzar está na investigación, e isto non se pode cortar. ? unha pena, porque España nestes últimos anos estaba a dar pasos importantes en investigación e non se debía interromper esa tendencia. Pero é algo crónico de aquí. Noutros países, por exemplo Alemania, non van ter recortes en investigación por culpa da crise, porque saben que a forma de saír dela é a I+D.
-¿Por qué di que é un problema crónico en España?
-Da a idea de que os gobernantes pensan que a ciencia é un luxo innecesario do que se pode prescindir, cando é unha ferramenta fundamental para avanzar.
LA VOZ DE GALICIA, 10/01/10
0 comentarios