Javier Sánchez-Agustino: ??Queremos impulsar un vía crucis dende terra?.
??Facemos tamén un labor de unir forzas entre os 22 concellos integrantes da nosa Fundación para obter proxectos que de xeito individual non serían posibles? ? ??Esta Ruta é a primeira dos camiños xacobeos?
– Acaban de publicar unha guía da Ruta do Mar de Arousa e Ulla. ¿Canto tempo foi de traballo?
– O fotógrafo foi Adolfo Enríquez, e a empresa que fixo un pouco a guía foi Versal Comunicación. Sempre a Fundación se implica bastante nos proxectos. Neste caso, eu mesmo acompañei ao fotógrafo con outros membros da Fundación e da empresa de comunicación para facer foto a foto, o mellor dos encadres, de cada un dos cruceiros do río Ulla e da ría de Arousa.
– Imos facer un repaso pola historia deste vía crucis, que é o único marítimo no mundo…
– Que nós saibamos, é o único. O vía crucis marítimo-fluvial da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, que é un dos Camiños de Santiago segundo o estableceu a Lei do ano 1996 da Xunta, tiña que ter unha recollida nun formato tanto impreso como dixital. Foi un proxecto bastante desexado por nós; un proxecto, creo que ambicioso, pero necesario porque era unha forma de dar un atractivo máis a unha ruta de peregrinación pero tamén histórica, que para nós se sitúa como primeiro dos Camiños de Santiago.
– O vía crucis ten tamén ese valor sentimental porque foi un empeño de seu pai…
– Efectivamente. Ten unha fórmula moi singular e moi orixinal de sinalizar por medio de cruceiros no río Ulla e na ría de Arousa o que era esta senda de traslación. Permanecen imperecedoiros dende 1965. No ano 2004, mercede á donación Arousa Norte, tamén en colaboración coa nosa entidade, instaláronse catro cruceiros máis nas cidades de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Boiro. E isto completou na marxe dereita da provincia da Coruña o que era este vía crucis fluvial. Agora xa estamos en conversas coa Mancomunidade do Salnés e mesmo coa Deputación de Pontevedra para que o taller de pedra da Deputación poida instalar novos cruceiros dende O Grove para poder completar definitivamente o vía crucis fluvial. Por iso dicimos que, probablemente, esta guía turística terá unha segunda parte.
– ¿E para chegar a eses cruceiros como hai que facer?
– Pois, moi fácil. Calzarse uns bos zapatos de sendeirista e ter á disposición esta guía, que está á dispoñible en cada uno dos concellos que forma parte do Padroado, e pronto xa estará na nosa páxina. Polo tanto, con esta guía poder facer un percorrido pola vertente da provincia da Coruña para contemplar aqueles cruceiros que están nese lugar, ou ben pola ribeira da provincia de Pontevedra para contemplar os outros cruceiros, ou ben, o mesmo día facer todo. A verdade é que hai dous sinais que diferencian estes cruceiros de calquera outro que hai parecidos por Galicia. Unha delas, o seu emprazamento. Buscáronse lugares excepcionais, moi singulares, que puideran ser divisados tanto dende terra como dende mar. Outro sinal diferenciador é que todos teñen unha simboloxía fundamentalmente xacobea. Son iconos facilmente identificables e esta guía axuda a que ninguén se perda e poida visitalos.
– ¿Cantos cruceiros son?
– Dezasete, nestes momentos. Agardamos que haxa aproximadamente entre 4 e 6 máis, que se instalarán nas ribeiras da ría de Arousa e do río Ulla, entre esta anualidade ou a próxima.
– ¿Que outras cousas ten en mente a Fundación?
– Agora estamos a preparar os sendeiros da Traslación de xeito que a Ruta se poida contemplar dende terra. Estamos facendo xa a búsqueda daqueles sendeiros tradicionais para unir aquelas localidades do Grove pasando por todos os concellos formantes da Fundación desa parte da provincia de Pontevedra até Padrón e, tamén dende Ribeira até a vila de Padrón tamén para que aqueles que queiran ou non dispoñan de embarcación poidan facer esta ruta por terra e visitar todos os concellos da Fundación. Penso que isto vai reverter moi positivamente, dende o punto de vista turístico, nos concellos da Fundación. Eses sendeiros da Traslación irán acompañados da correspondente guía para que se poidan identificar cales son os sendeiros e para que a xente poida facer a pé o percorrido.
– ¿Como de avanzados están estes sendeiros?
– O outro día xa mantivemos as primeiras conversas cos técnicos da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, que volve estar detrás desta iniciativa e que se implica moito neste tipo de publicacións de guías, que penso que son enormemente interesantes.
– ¿Os concellos tamén están interesados nestes proxectos?
– Si, porque lles interesa moito a promoción do turismo, que é o principal motor industrial deste país, especialmente na ría de Arousa. No caso particular da guía dos sendeiros da Traslación temos que dicir que é importantísima a colaboración dos concellos, porque son eles os que nos poden identificar aqueles camiños máis interesantes que poden incorporarse e vaia ser o sendeiro oficializado. Non queremos trazar novos sendeiros, senón trazar aqueles que xa son históricos e que veñen sendo utilizados pola veciñanza da zona.
– ¿Tamén nos pode axudar isto a coñecer eses concellos dende outro punto de vista?
– Si. Ese outro dos obxectivos da Fundación. Somos conscientes de que ao lado de concellos cun potencial turístico enorme, hai outros menos coñecidos. A propósito de que alguén coñece o concello de Santiago ou o de Sanxenxo, de repente sexa coñecedor dalgunha cuestión de interese patrimonial, histórico, monumental, noutros concellos máis pequenos, pero non menos importantes. Nós, o que facemos é un labor de unir forzas, solidariamente, e mancomunar esforzos para obter aqueles proxectos que de xeito individual non era tan doado alcanzalos pero que de forma conxunta resulta moito máis doado.
– ¿Que outras iniciativas teñen en marcha?
– Aínda que a crise tamén fixo que moitos dos proxectos que tiñamos en mente se quedaran aparcados ou retrasados, estamos traballando na posta en marcha da nova Guía literaria da Ruta Xacobea. Tamén é un proxecto que nós herdamos. O fundador deuse de conta de que arredor de todos estos concellos había unha liña argumentaria común. O feito de que moitos autores insignes galegos naceron, viviron e participaron da ría de Arousa e do río Ulla. Este o caso de Rosalía de Castro, Dieste, Ramón Cabanillas, Castelao, Valle-Inclán, Camilo José Cela, Julio Camba… Estamos a falar de moitos literatos galegos, que é outro reclamo para aqueles que non están tan interesados no turismo do mar, poidan coñecer as vilas natais destes autores e, ao mesmo tempo, coñecer a Ruta da Traslación, e todo o que rodea aos 22 concellos integrantes da Fundación. E se poden coñecer a súa gastronomía, moito mellor.
O PERFIL
? Naceu o 21 de setembro de 1968 en Vilagarcía de Arousa.
? ? licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce de avogado, e tamén é profesor colaborador da
Escola de Práctica Xurídica, pola que está diplomado.
? Amante do deporte, o seu tempo de lecer dedícao a practicar ciclismo de montaña, montañismo e vela, ademais de a viaxar.
TIERRAS DE SANTIAGO, 01/05/12
0 comentarios