«Saberes con Sabor» chega este sábado a Pontecesures: cociña en directo de Miguel Mosteiro con degustación gratuíta

O proxecto Saberes con Sabor pecha este fin de semana o seu percorrido pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla con tres actividades gratuítas —en Rois, Pontecesures e Meis— que combinan cociña en directo, degustacións e unha exposición de fotografías históricas sobre os oficios tradicionais destes territorios. A iniciativa, enmarcada no programa O Teu Xacobeo e cofinanciada pola Xunta de Galicia, conta co cocinheiro Miguel Mosteiro, que elaborará pratos con produtos locais vinculados aos procesos produtivos tradicionais de cada municipio.
A parada cesureira será o sábado 24 de outubro, ás 12:00 horas, no Antigo Matadoiro —xunto á Praza de Abastos—: quen se achegue poderá degustar as preparacións e coñecer mellor a relación entre a gastronomía e a memoria dos oficios que forman parte da identidade da ruta xacobea.
O percorrido arranca o venres 23 ás 18:30 no Edificio Multiusos de Rois e remata o sábado 24 ás 18:00 no Mercado de Abastos de Mosteiro, en Meis; xa pasara por A Illa de Arousa e Catoira. Ademais dos showcookings, as xornadas inclúen un panel expositivo con fotografías históricas recollidas polo proxecto —pesca, marisqueo, conserva, salazón, viticultura, agricultura e gandería— e un código QR para consultar a colección completa en saberesconsabor.es.
Aínda quedan prazas dispoñibles para as tres actividades. A inscrición é gratuíta e pódese facer por chamada ou WhatsApp ao 619 669 788.
Fuente: Diario de Santiago