Ir ao contido
Pontecesures.net dende 2005
Cultura

O Salón de Plenos, ateigado para homenaxear a Carmen «A Zapateira», custodia do folclore cesureño

Por Plumilla ·

Con 96 anos, Carmen González Iglesias, «A Zapateira», representa a memoria viva de Pontecesures: durante décadas mantivo vivo o baile e a música tradicional e actuou como transmisora deste patrimonio inmaterial ás beiras do Ulla, formando a xeracións e xeracións de cesureños neste arte. O clamor popular por enaltecer a súa figura como custodia e depositaria do folclore local levou o Concello a preparar o homenaxe que se anunciou a comezos de mes e que se celebrou o sábado pasado no Salón de Plenos.

Decenas de veciños quixeron estar presentes para recuperar a historia de «A Zapateira» e darle cariño polos seus anos ligados á transmisión da cultura galega. Nun Salón de Plenos cheo até a bandeirola, o Concello proxectou o documental que leva o seu nome —elaborado por Ces Media Audiovisual— sobre a vida e a traxectoria profesional de «A Zapateira» e no que participaron a protagonista, familiares seus e alumnas de Brisas do Ulla.

A cita, ademais de render homenaxe á súa figura como alma do folclore local, serviu para visibilizar o papel fundamental das persoas maiores como transmisoras do coñecemento, educadoras e depositarias da garda da memoria colectiva, e para reflexionar sobre a igualdade e o valor dos traballos que, durante moito tempo, permaneceron invisibilizados.

«A Zapateira», toda unha institución cultural en Pontecesures, recibiu o sábado o cariño de decenas de veciños, familiares e exalumnos que quixeron agradecerlle a súa entrega. No acto participou tamén a Asociación Cultural Xarandeira, que puxo o broche á xornada coa interpretación de «A Ruada» e «A Muiñeira de Cesures». Tampouco faltou na cita a alcaldesa, Maite Tocino, que entregou un recoñecemento a Carmen como símbolo do homenaxe institucional: un tributo nacido da vontade do propio pobo, como mostra inequívoca da pegada imborrable que «A Zapateira» deixou en Pontecesures e na contorna do río Ulla, onde o seu labor incansable axudou a manter vivo o baile e a música tradicional durante décadas.

Fuente: Diario de Arousa (A. Louro)

Máis sobre isto

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.