A homenaxe a Carmen «A Zapateira» faise realidade: o documental «Música e memoria en feminino» proxectarase o venres 7 no Salón de Plenos

Carmen González Iglesias, «A Zapateira», con 96 anos é memoria viva de Pontecesures, e a homenaxe que en xaneiro reclamaban veciños e colectivos faise agora realidade: o venres 7 de novembro ás 18:00 horas proxectarase no Salón de Plenos do Concello o documental que leva o seu nome, «Carmen A Zapateira. Música e memoria en feminino».
A súa vida estivo ligada á transmisión do baile e da música tradicional galega: formou a centos de nenas e nenos, mulleres e homes que pasaron pola súa agrupación, e preservou, creou e transmitiu as letras, rimas e cantos tradicionais, mantendo vivo un legado que pasou de xeración en xeración.
A proxección pretende render homenaxe a Carmen e, ao mesmo tempo, visibilizar o papel fundamental das nosas maiores como transmisoras do coñecemento, educadoras e depositarias da memoria colectiva. Será tamén un recoñecemento a anos de dedicación e compromiso coa cultura popular e unha oportunidade para reflexionar sobre a igualdade e o valor dos traballos que durante moito tempo permaneceron invisibilizados: «preservar a nosa memoria é, tamén, recoñecer a quen fixo posible que chegase ata nós».
Máis información na páxina oficial do Concello.
Fuente: Diario Gallego (Sabela Feal Salgado) e Concello de Pontecesures