O toldo da praza dos Valeiros segue colocado. O goberno local pasa do tema.
O pasado 6 de agosto, o alcalde de Pontecesures, Álvarez Angueira, decretou a paralización da obra de instalación de postes na praza dos Valeiros de Porto por parte dun establecemento de hostalería por non contar con licenza municipal, logo de interesarse a oposición no pleno do 30 de xullo por estes feitos.
Non se respectou a paralización, e o sábado 11 de agosto rematou a colocación do toldo, e xa no seu día consideramos este decreto un mero paripé da primeira autoridade local.
Pois ben; co toldo xa colocado, o alcalde, con data 17/08/12 reiterou por decreto a suspensión inmediata das obras, ante os informes da policia local, dicindo que senón se respecta este novo decreto precintará as obras e os elementos auxiliares da actividade, apercibindo ademais que se hai incumprimento dará conta dos feitos ao Ministerio Fiscal.
Outro papel mollado, vemos que o alcalde volve con paripés para a galería. Reitera unha paralización coa obra terminada e coa terraza do establecemento en plena actividade.
Non entenden nin o PP nin a ACP como a actividade de terraza segue como se nada pasara, dándose a impresión de que se pretende que se vaia esquecendo a ocupación e que a instalación quede alí fixa para sempre.
Non estamos de acordo con que nunha praza cun cruceiro monumental sexa colocado un palco dende a fachada do establecemento ata o bordillo da amplia beirarrúa obrigando aos veciños a pasar polo dominio público entre as mesas e cadeiras e/ou baixo un toldo. Non vale a desculpa do goberno local de que hai que esperar polo informe de Patrimoio da Xunta. Independentemente do contido dese informe é o Concello e non Patrimonio o que ten que velar pola defensa do dominio público de todos e coa inmediatez que precisan as ocupacións destes espazos.
Tanto o PP como a ACP queremos criticar a postura do goberno local en todo este asunto, mirando para outro lado, superado pola situación, e sen autoridade ningunha na rúa. Unha completa ineficacia é a que está a percibir toda a veciñanza.
Co alcalde titular de vacacións ata o 31 de agosto, só nos queda esperar que o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de obras, Ángel Souto Cordo, tome cartas no asunto xa que é alcalde en funcións nestes días. Remotas esperanzas temos, dende logo, tendo en conta a súa xestión durante todo este tempo á fronte da concellería delegada que ten.
