Nota íntegra sobre a utilización da furgoneta do concello por asociacións.
Con data 08/02/12, o alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira ditou un decreto resolvendo que a furgoneta municipal Citroën Jumpy de 9 prazas 7879GSJ só podería ser utilizada no futuro polos clubs deportivos do municipio pois teñen a necesidade de desprazar aos xóvenes ás diferentes competicións. Falaba o alcalde de que viñan presentándose numerosas peticións de entidades de todo tipo e precisabase racionalizar o seu uso.
Esta furgoneta foi conquerida para o concello polo anterior goberno logo de asinarse un convenio coa Deputación de Pontevedra e tivemos que abonar unicamente o 25% do seu custo. Ata a resolución, ademais de utilizala o concello para o seu servizo, foi tamén utilizada, no tempo que non tiña uso por parte do concello, por asociacións e entidades sen ánimo de lucro de Pontecesures, tanto deportivas coma culturais, para trasladar aos integrantes dos equipos ou ben agrupacións folclóricas, corais, etcâ?¦facéndose cargo neste caso do custo do combustible.
Considerouse xa daquela inxusta e discriminatoria a decisión xa que as asociacións culturais realizan un traballo importante onde están implicados un número considerable de nenos e maiores que, ás veces, precisan desprazarse (non tanto como os equipos deportivos, obviamente) e supón un apoio importante ter a posibilidade de utilizar a furgoneta municipal. Solicitouse ao alcalde que reconsiderara a súa decisión, sen ter contestación algunha.
Pois ben; con gran sorpresa temos coñecemento de que o alcalde en funcións, Roque Araújo, autoriza a unha asociación cultural do municipio, mediante resolución de 23/07/12, o uso da fugoneta para unha peregrinación en bicicleta, polo que vai en contra do criterio do alcalde titular. Parécemos moi ben que “A Estornela” utilice o vehículo municipal, pero tamén que poidan facelo as outras asociacións culturais do concello. ¿En que quedamos?, ¿Poden ou non poden utilizar as asociacións culturais a furgoneta?. A situación é confusa amosándose a desorganización dun goberno onde cada un vai á súa bola. Co alcalde titular de viaxe e o primeiro tenente de alcalde, Ángel Souto Cordo, de vacacións, parece que o segundo tenente de alcalde Roque Araújo, en funcións de alcalde, “aproveita a ocasión” para facer amigos deixando o vehículo en contra da resolución de Álvarez Angueira. Parece realmente insólito que un alcalde en funcións dite unha resolución en contra do decretado por un alcalde titular.
Polo exposto, solicítase a Roque Araújo unha explicación do sucedido e que, en todo caso, dite unha resolución anulando a do 08/02/12 do alcalde Álvarez Angueira para que todas as asociación culturais de Pontecesures poidan utilizar a furgoneta co mesmo dereito.
Pontecesures, 25/07/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures














