Álvarez Angueira elixido alcalde de Pontecesures.
Tanto o salón de sesións como o balcón do primeiro andar da Casa do Concello de Pontecesures se atopaban hoxe ás 10 da mañá ateigados de público (a maior parte foron integrantes das listas, afiliados, familiares e simpatizantes), para presenciar a sesión constitutiva da corporación cesureña.
A mesa de idade foi constituída por Mª Isabel Castro Barreiro e Cecilia Tarela Barreiro, que comprobou as credenciais dos once membros da corporación e tomoulle xuramento ou promesa do cargo.
Unha vez que ocuparon os seus asentos o concelleiros elixidos o 22 de maio pasado, a alcaldesa en funcións, pronunciou unhas verbas de despedida agradecendo o labor do persoal municipal, pedindo perdón polos erros cometidos e desexando que os novos gobernantes contínúen as actuacións que se están levando en diversas zonas. As verbas foron recibidas con aplausos.
De seguido pasouse á votación. Presentáronse para o cargo de alcalde, Manuel Luis Álvarez Angueira (BNG) e Juan Manuel Vidal Seage (PP), tras renunciar expresamente os outros cabezas de lista (Maribel Castro, Ángel Souto, Roque Araújo e Luis Sabariz).
O cabeza de lista do BNG obtivo seis votos (os 4 do seu grupo, o do representante do PSOE e o de TeGa). Con aplausos e vítores foi recibido o resultado desta votación que convertía a Manuel Luis Álvarez Angueira en alcalde de Pontecesures. Posteriormente o candidato popular obtivo 5 votos (os dos do seu grupo, os dous de IP e o da ACP).
Prometeu o cargo o alcalde nacionalista, e recibiu o bastón de mando da anterior alcaldesa. Álvarez Angueira pronunciou tamén unhas verbas indicando que o grupo de goberno formado ía comezar a traballar de seguido pola vila e polos veciños e acto seguido levantou a sesión.
Sen dúbida hai que salientar a ausencia de incidentes.
