Borobó contra Wallace Souza.

Foi un xornalista que facía agromar as palabras dun raro manancial no que converxen a dignidade e o sentimento gozoso da cultura. Nada que ver cos espadachíns do abrente que segan pescozos desde as columnas xornalísticas de neón. Tampouco pertencía á estirpe dos mefistofélicos que se venden ao mellor postor cun aceno cínico e un pasador inzado de billetes na gravata.

Raimundo García Domínguez, Borobó, foi un sobrevivente da vida e do xornalismo, cun lirio eterno de brancura na alma. Nin os expedientes trala guerra civil, nin os azares dunha profesión moralmente perigosa, segaron a súa bonhomía. ?l representa un xeito de vivir o xornalismo, de anaco en anaco, que nada ten que ver con esta feira mordaz das vaidades e dos estragos. As televisións énchense de pseudoxornalistas que escrutan, coma lobos frecuentadores, os sumidoiros do mundo rosa. Iso por non falar dos moitos tertulianos e discutidores afeitos a manexar o látego a piñón fixo. Despois da nobre arte da dialéctica quédanos a demagoxia pseudoideoloxizada.

Hai, claro está, profesionais irreductibles que fan o seu traballo coas armas fráxiles da decencia. Pero iso é difícil nestes tempos de cruzadas con hematomas colaterais. Demasiada xenreira entre empresas xornalísticas que reducen a política a unha guerra de titulares oportunistas.

Certo que sempre existiron os comisarios na profesión e as prumas alugadas, molladas no alcol do cinismo. Pero en medio deste panorama enteirámonos de que un famoso presentador televisivo do Brasil, un tal Wallace Souza, provocaba crimes para ofrendalos como gran primicia no seu programa de sucesos. Pagaba para que os mercaderes da morte segasen vidas por un pouco máis de share. Velaí unha representación simbólica dunha nova fronteira para o xornalismo infamante. Un eco cruel desa filosofía de que todo vale para alimentar a serpe golosa e omnívora da audiencia.

Por iso é necesario volver a aqueles que sentiron o xornalismo como unha forma de observar e relatar o mundo, con culta lucidez e sen estridencias sensacionalistas.

Falo de Borobó, que foi tamén Don Gallego, Uriel ou o impagable Ánxelo Novo, pseudónimos dunha obra con múltiples vasos comunicantes. Convén revisar ese legado para saber que o xornalismo tamén pode ser un eido plural, luminoso e reconfortante.

Artigo de Xavier Lama (escritor). Tribuna Abierta. ELCORREO GALLEGO, 25/10/09

A última hora da tarde continuaba a limpeza do local de Carnicería Eitor tras o incendio.

O propietario, a familia e varios amigos, traballaron de arreo toda a tarde para limpar o baixo incendiado. Como principais danos salientanse os causados na pintura de paredes e falso teito, e na instalación eléctrica do inmoble.
Por outra banda, hai que dicir que quedaron estragados, polo fume, prácticamente todas as mercadoría do establecemento, en especial os produtos cárnicos.
Unha vez que se acondicione o local nas vindeiras horas, espérase que abra ao público canto antes.

Arranxado o edificio do Club Xuvenil de Pontecesures.

Este edificio fora danado na madrugada do pasado 25 de xullo con actos vandálicos que afectaron a espellos, cristais, pupitres, instalación eléctrica, etc… Incluso plantaron lume que afectou ás pinturas interiores de todo o recinto.
Esta semana remataron os traballos de reparación, efectuados por Doselco Elecricidade e Decoraciones Grela, que ascenderon a máis de 3.000 euros, segundo a valoración realizada polos peritos da compañía aseguradora, xa que o local tiña asignada a correspondente póliza para a cobertura destes danos.

Un traballador ferido o pasado sábado, ao derrubarse a parte superior do portal de entrada da finca da Papelera.

Sobre ás 8:30 horas da mañá do sábado 22 de agosto, ao manobrar o volquete, que estaba elevado, dun camión Ebro na rúa Cantillo (preto da gasolinera da ponte interprovincial) chocou coa parte superior do portal de dita finca. Veu abaixo a estrutura e o pequeno tellado que tiña a entrada por riba do portalón, e foi alcanzado polos materiais o traballador Ángel R.O que baixara do camión coa chave da porta da finca. Por mor deste accidente de traballo, tivo contusións na cabeza e nun pe, pero afortunadamente, ao parecer, os danos non son de gravidade. Xa está Ángel no seu domicilio.

O Concello de Pontecesures recibe unha subvención para sufragar os danos do último temporal.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ven de comunicar ao Concello de Pontecesures, logo da solicitude tramitada por esta institución, a concesión dunha subvención de 1.416,17 euros, ao abeiro da Orde do 2 de febreiro de 2009 que regulou as axudas por danos provocados polo temporal en infraestruturas eléctricas de titularidade municipal.

Deste xeito, a administración autonómica concede unha subvención pola totalidade dos danos causados na noite do 23 de xaneiro de 2009. Houbo liñas e cadros danados na rúa Ullán, en Carreiras, na rúa Mimosas na pista do Regadio e outras. Incluso un eucalipto derrubou unha liña en Grobas ao caer por mor dos fortísimos ventos daquela noite. As reparacións xa foron realizadas no seu día e agora recibese con satisfacción a nova da concesión da subvención.

Na madrugada do domingo, un vehículo foise contra unha zona axardinada no peirao de Pontecesures.

Sobre ás 6 da madrugada do domingo, 2 de agosto, o Seat León 9532-GCV, guiado por un veciño de Pontecesures, chocou contra un pequeno xardin instalado por Portos de Galicia, onde estaba situada antigamente a caseta das oficinas do peirao que fora derrubada hai un ano. Non houbo danos persoais, pero a zona axardinada quedou algo danada. movéndose varias pedras das inmediacións.
Comunicouse a circunstancia a Portos de Galicia, para que a compañía aseguradora repare os danos canto antes.