Cuberta pavillón

Nota da Concellería de Infraestructuras e Relacións institucionais de Pontecesures

Por problemas de subministro de materiais á empresa adxudicataria estase a demorar a execución da obra de renovación da cuberta do pavillón municipal situado nos arredores do C.P.I. Pontecesures no lugar de Infesta que ten un orzamento de 51.921,60 ? (a Deputación de Pontevedra aporta o 75% con cargo ó Programa de Acción Municipal).

Tendo en conta a necesidade de que a obra sexa realizada de inmediato (hai pingueiras considerables que prexudican a práctica deportiva) infórmase ós usuarios da instalación e ó vecindario en xeral que os problemas están resoltos segundo a empresa e así o novo teito quedará colocado neste mes de febreiro.

Pontecesures, 8 de febreiro de 2006 : O concelleiro delegado – Luis-Angel Sabariz Rolán

PPC e POL 2006

Nota da Concellería de Infraestructuras e Relacións institucionais de Pontecesures

O pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou o Plan Provincial de Cooperación (P.P.C.) 2006 e o Programa Operativo Local (P.O.L.) 2006 dos concellos da provincia.

Así a proposta deste concello inclúese no P.P.C. a obra de pavimentación de parte da rúa San Lois e da totalidade das rúas Sagasta e Victor García. O importe total da obra ascende a 41.690,17 ? aportando o concello 12.507,06 ?. Este investimento afectará as rúas centrais da vila e así despois de rebaixar o firme pavimentarase o vial que vai dende o paso a nivel central ata a intersección do mesmo coa estrada N-550 e que está en malas condicións xa que foi danado fundamentalmente ó realizar as canalizacións para o gas cidade hai uns anos.

(máis…)

Carlos Maside

(1897-1958)
Profesión: Pintor.

pinmas.jpeg
A siesta. Acuarela, 19,5 x 26 cm.

Biografía: Considerado pola crítica como referente ineludible do rexurdimento artístico iniciado por Castelao, Carlos Maside naceu en San Xulián de Requeixo (Pontecesures) en 1897. A adolescencia pasouna en Padrón como escolante e en Vilagarcía como empregado dun almacén. En 1917 trasladouse a Madrid a cumprir o servicio militar e entrou en contacto co ambiente dos debuxantes gráficos, ao que se dedicou de volta a Galicia. En 1923 participou na Coruña nunha exposición con catro caricaturas e traballou no Faro de Vigo e en El Pueblo Gallego, onde se encargaba dunha viñeta satírica diaria. Seguindo a súa etapa formativa, en 1926 a Deputación de Pontevedra concedeulle unha bolsa que lle permitiu matricularse nunha academia de pintura de París, visitar museos e acercarse ao panorama das vangardas abstractas e figurativas e ás formas de pensamento ideolóxico do período de entreguerras.

En 1931 instalouse definitivamente en Galicia: en Vigo e sobre todo en Santiago, onde realizou a súa primeira exposición individual, na que alternaban guaches e debuxos expresivos e populares co expresionismo dos primeiros óleos. A guerra civil afectouno profundamente e recluíuse nun misterioso e improductivo illamento, roto en 1945 ao sentir de novo a inquietude creadora. É a época da plenitude, de equilibrio entre a expresión e a técnica, de obras tan espléndidas como “A cacharreira”, “Dúas paisanas”, “Costureira”, etc. Todo este novo impulso truncouse en 1958, ano no que morreu en Santiago. Carlos Maside, que foi director artístico da editorial Galaxia no momento da súa fundación, en 1951 publicou o seu único escrito, o ensaio breve En torno a la fotografía popular. Luís Seoane, Rafael Dieste e Antonio Baltar decidiron que o museo que garda a obra e a documentación do Movemento Renovador da Arte Galega levase o seu nome.

Imaxe e texto de Sargadelos.com