Día de Muller en Pontecesures.

O vindeiro 8 de Marzo conmemoramos o Día da Muller

Este ano queremos facer especial fincapé nas nosas mulleres. Cesureñas que, ó longo de case cen anos de historia, abriron, con moito esforzo e sacrificio, o camiño para que as rapazas e cativas de hoxe afronten un futuro en igualdade.

O 𝟴 𝗱𝗲 𝗠𝗮𝗿𝘇𝗼, inauguramos a exposición 𝐌𝐮𝐥𝐥𝐞𝐫𝐞𝐬 𝐞𝐧 𝐈𝐠𝐮𝐚𝐥𝐝𝐚𝐝𝐞, na que poderemos facer un pequeno percorrido polos case cen anos de historia de Pontecesures a través dalgunhas das nosas veciñas.

O día 𝟵 𝗱𝗲 𝗠𝗮𝗿𝘇𝗼, ás 12:00, inauguraremos a 𝗥ú𝗮 𝗠𝗮𝗿í𝗮 𝗠𝗮𝗴𝗮𝗿𝗶ñ𝗼𝘀 𝗙𝗶𝗴𝘂𝗲𝗶𝗿𝗮, Maruja A Cuca. Artista naíf e autodidacta cunha prolífica obra que chegou a expoñer no Museo de Pontevedra. O acto terá lugar na casa da artista en San Xulián (Subida de Requeixo).

O día 𝟭𝟬 𝗱𝗲 𝗠𝗮𝗿𝘇𝗼, en colaboración co Concello e CIM de Valga, faremos unha andaina solidaria dende o CODI ata a Prazuela e retorno ó punto de saída.

Concello de Pontecesures

Unha mostra profunda na historia do médico-cirurxián Ángel Baltar.

O ACTO inaugural da exposición ‘Deber de Baltar. Medicina e Compromiso’ tivo lugar o 18 de febreiro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Estará aberta ata o 16 de abril. 

Máis dun século de historia da casa dos Baltar é o eixo sobre o que se asenta a mostra Deber de Baltar. Medicina e Compromiso, que pode visitarse no Colexio de Fonseca ata o 16 de abril. A obra Un señor elegante do escritor galego Suso de Toro foi o punto de partida para esta exposición que profunda na historia do médico-cirurxián Ángel Baltar e os seus descendentes, os cales “tiveron tempo de protexer de modo efectivo figuras principais da nosa cultura e do noso país, como Rosalía de Castro, Murguía e Castelao, ademais de desenvolver brillantes carreiras profesionais”, escribe De Toro no catálogo da mostra, que tamén profunda nas figuras dos médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez.
“Comprendemos que había un interese por parte dun público amplo por coñecer máis aspectos desa historia da familia Baltar que tivera un papel tan significativo na historia da cirurxía e da asistencia social e na promoción e protección da nosa cultura e comprometida co destino e os problemas sociais do seu país e o seu tempo”, explica o comisario da mostra, Pepe Barro.

A exposición disposta no salón artesoado e antiga capela conta con oito capítulos: Padrón, a orixe e primeiros personaxes da saga; a biblioteca, verdadeiro emblema familiar; o Sanatorio Baltar; o Hospital Real; Antonio, o exilio; o compromiso cultural; o compromiso político; e Tanxil, o paraíso familiar. Trátase dunha historia ocorrida en pouco máis de cen anos, dende mediados do século XIX ata a morte do doutor Ramón Baltar Domínguez en 1982, “e que floreceu nun pequeno triángulo entre Padrón, Pontecesures, Rianxo e Santiago de Compostela”, escribe Suso de Toro. “Nun ciclo tan longo da vida dunha familia houbo momentos de crecemento e esplendor e momentos dolorosos. Reconstruír estas situacións e dilemas resultou un labor delicado, pois cuestionaba a memoria familiar tal como chegara, unha memoria apagada que explica o case esquecemento no que se encontraba”, continúa o escritor galego no catálogo da mostra.
Promovida polo Concello, coa colaboración da USC, a Deputación e o Colexio Oficial de Médicos da Coruña, a exposición pode ser visitada de luns a venres, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 h.

El Correo Gallego

A EXPOSICIÓN “MULLERES QUE FALAN” SAE Á RÚA.

A discriminación contra as mulleres e nenas é un problema de raíces socio-históricas profundas que afecta todos os países do mundo.

Sobre esta base discriminatoria susténtase a desigualdade de xénero que, no seu grao máis extremo, asume a forma de violencia, constituíndo unha violación flagrante dos dereitos das mulleres.

Mediante a exposición itinerante “Mulleres que falan”, o Concello de Pontecesures pretende amosar o seu firme compromiso na loita contra esta lacra social.

A medida, encadrada dentro das actividades conmemorativas do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, vai dirixida a sensibilizar e concienciar a toda a poboación da necesidade de eliminar de raíz calquer tipo de conduta discriminatoria que poida derivar nas diferentes formas de violencia contra as mulleres.

Esta exposición percorrerá diversas zonas do pobo a fin de dar a maior visibilidade a un problema que a ninguén nos é alleo.