Os alumnos da escola de pintura «Adeval» de Valga amosan os seus traballos en Exposalnés.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

A escola valguesa de pintura «Adeval» amosa os seus traballos dende o sábado no Centro Comarcal do Salnés en Cambados, onde poderán ser visitados ata o vindeiro día 15. ? esta unha mostra na que os alumnos desta agrupación formativa expoñen os froitos das súas clases e do seu traballo, e na que podemos ver diferentes estilos e temáticas, desde paisaxes, ata obras abstractas e incluso traballos que seguen a corrente do surrealismo.

A escola de pintura «Adeval» comezou a súa andaina hai uns trece anos, dentro dunha asociación valguesa co mesmo nome. O seu nacemento produciuse grazas á inquedanza de Pepe Potel, socio fundador do colectivo e un grande amante da pintura, que se fixo un pequeno oco nesta arte grazas ás ensinanzas do mestre de escola, Fernando Morales, un artista vigués que desde os inicios de «Adeval» asumiu o papel de mestre.

O centro conta con preto de cen alumnos repartidos entre os mozos que cada luns acoden ao local social de Xanza, e os rapaces dos dous colexios de Valga (o de Baño e o de Cordeiro), nos que actúa como docente Ángeles Garrido, unha das integrantes máis veterana da escola.

«Adeval» non só traballa na formación pictórica senón que, desde hai varios anos, tamén realiza traballos en cerámica; aínda que na actualidade esta é unha actividade que está relegada a un segundo plano xa que consideran máis necesario centrarse primordialmente na faceta pictórica.

Á marxe das actividades desenvolvidas nos centros escolares, actualmente a escola está formada por rapaces a partires dos 16 anos. A maioría son de Valga, aínda que as portas non están pechadas a persoas doutros concellos. De feito, polas súas instalacións xa pasaron persoas de Dodro, Pontecesures e Padrón, entre outras localidades. Os requisitos que se piden son moi sinxelos porque o principal para realizar esta actividade é ter gañas de levala a cabo, lonxe de pensar que a pintura é unha arte coa que hai que nacer.

O mestre, Fernando Morales, e unha persoa de mente aberta e que ten moi claro que un dos seus obxectivos principais é que cada alumno atope o seu sitio no mundo da pintura, polo que trata de ensinarlles aos rapaces todas as correntes artísticas para que sexan eles os que se sintan indentificados con algunha delas, O traballo de inicio na escola comeza pola realización de obras máis sinxelas, tales como paisaxes, pasando logo a pinturas máis creativas, abstractas e incluso surrealistas.

O fundador de «Adeval», Pepe Potel, sempre foi un gran amante da pintura, e cando lle era posible, acudía a ver exposicións, que eran practicamente o único xeito que el tiña para poder manter contacto con este mundo. Durante unha visita a unha exposición foi onde a Potel lle presentaron ao que en pouco tempo se convertiría no seu mestre, Fernando Morales. Antes de por en marcha a escola de pintura no seu concello natal, Potel acudía ao Porriño ao estudo que Fernando tiña nesta localidade para empezar a coñecer as técnicas pictóricas. Pouco tempo despois decidiu iniciar a escola de pintura de Valga para que outros veciños tamén poideran desfrutar con esta arte,

Nestes momentos nos que o artista goza xa dunha estabilidade vital, como el mesmo di, pódelle adicar máis tempo a esta arte, que lle permite amosar os seus traballos tanto en solitario, como con outros artistas galegos por medio da AGAEC (Asociación Galega de Arte e Cultura) non só en Galicia, senón tamén en Madrid (a onde incluso se vai desprazar proximamente) ou no parlamento de Bruselas.

Aínda que se trata do artista máis veterano da escola, non só polos anos que leva senón pola súa idade, Pepe Potel explica que decidiu crear a escola de Valga porque el quería pintar e non sabía en que porta tocar para conseguilo. Foi en «Adeval» onde atopou o lugar que buscaba. Ademais, non quere perder o vínculo co taller de pintura que o veu nacer e que el mesmo creou.

Artigo de Lidia M. Gallas Otero. Especial «Arousa, un mar de cultura».
DIARIO DE AROUSAS, 03/02/08


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.