BALONCESTO: O EXTRUGASA RIO ULLA XOGA OS SEUS PRIMEIROS PARTIDOS DE PRETEMPADA
Logo de unhas semanas adestrando, esta fin de semana tanto o equipo cadete masculino, coma o senior, van xogar os primeiros partidos amistosos de pretempada.
Mañá sábado, a partir das 18.30 h. en Pontecesures, os seniors xogan contra o CB. cuntis- Rte. D. Manuel un interesante partido, pois son 2 equipos formados por xente veterana que se levan enfrentado en numerosas ocasións nos últimos anos.
Os cesureños van tratar de ir collendo o ritmo de xogo, para adaptarse o mais pronto posible á nova categoría na que van militar esta vindeira campaña. O equipo é o mesmo que logrou o ascenso hai 4 meses en Pontecesures. O Cuntis, fora outro dos participantes na final a 4, pero ó perder co Portonovo quedou 4º clasificado, e nun principio, salvo renuncias, xogará outro ano na 2ª division.
Por outra banda, os rapaces cadetes van xogar este domingo, a partir das 12 da mañá, no Grove, contra un dos equipos favoritos para gañar a liga zonal: o CB Grove. O equipo ten ós 10 rapaces que xogaran a campaña pasada en cadetes, mais a incorporación dun rapaz que pasa dos infantis. Son 11 nenos adestrados por Antonio Pedrido que inician a súa 2ª tempada xogando xuntos. Pronto iniciarán a súa liga zonal.
Para a próxima fin de semana serán os nenos e nenas infantís os que empecen a xogar tamén partidos amistosos, polo que os distintos equipos do club están «botándose a andar».
Tamén se recorda que calquera rapaz ou rapaza que queira formar parte do club, poderá unirse. Para elo que se dirixa ó polideportivo cesureño os martes, xoves ou venres, dias de adestramentos, e será informado dos dias e horas de adestramento correspondentes.
Temos actualmente ademais do equipo senior, con 12 xogadores, outros 5 equipos de rapaces/as federados, cun total de 54 nenos/as fichados a dia de hoxe: (11 cadetes, 12 nenas infantis, 11 nenos infantís, 10 alevíns e 10 benxamíns). Estamos intentando lograr reunir outros 10 nenos e nenas para montar un 2º equipo de alevín (mixto) en Valga; co que teríamos 7 equipos federados na tempada 2008-09, obxetivo principal do club.
0 comentarios