CONCERTO DE NADAL
O coro de nenos e nenas da Orquestra Sinfónica de Galicia actúa este venres en Herbón
? O concerto terá lugar este venres día 18 ás 20:30 horas na igrexa do convento franciscano de Herbón (Padrón)
? O Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de está formado por uns 50 nenos e nenas de entre 10 e 14 anos e dirixido por José Luís Vázquez. No concerto de Herbón acompañaraos a pianista Isabel Gómez Alonso.
? Con esta actuación a asociación Sementar, organizadora do concerto, pretende atraer público ao convento de Herbón, converténdoo nun espazo dinámico, aberto e susceptible de acoller eventos de tipo cultural, musical…
Herbón (Padrón), 15 de decembro de 2009.- O convento de Herbón (Padrón) acolle este venres día 18 e decembro, ás 20:30 horas, un concerto de Nadal interpretado polo prestixioso Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia. Para esta ocasión, a formación que dirixe José Luís Vázquez, ten preparado un repertorio coas seguintes pezas: Cantata ??Christ lag in Todesbanden?, BWV 4 (Den Tod niemad zwingen kunnt/Jesus Christus, Gottes Sohn); Terceto ??Hebe deine Augen auf? (Elías -1846-47)-); Veni Domine. Op. 39, Nº 1; Ave María (In memoriam José Rada); Así cantan los chicos? (Tres escenas infantís), 1909; Los chicos del coro (Cerf-volant/Vois sur ton chemin); Déixame (Canto de berce); Vinde, vinde; Popurri de villancicos; J. S. Bach (1685-1750); F. Mendelssohn (1809-1847); F. Mendelssohn (1809-1847); Francisco Ibáñez Irribarria; Jesús Guridi (1886-1961); Christophe Barratier ?? Bruno Coulais; Demetrio Iglesias; Popular. Nemesio García Carril (Arr.: Fdo. L. Briones).
Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia
A Orquestra Sinfónica de Galicia ??unha das agrupacións orquestrais con maior proxección e transcendencia de España?? foi creada en 1992 polo Concello da Coruña e creou, entre outros, os seguintes proxectos artísticos: o Coro da OSG, a Orquestra de Cámara, a Orquestra Nova, a Escola de Práctica Orquestral, os Nenos Cantores da OSG e o Coro Novo da OSG.
Os Nenos Cantores da OSG fixeron a súa presentación musical a principios do ano 2000 interpretando a Sinfonía nº 3 de Gustav Mahler á beira da súa Orquestra e baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez. Desde entón actuaron en varias ocasións coa Orquestra Sinfónica de Galicia, interpretando obras de Mahler (cabe destacar, sobre todo, a súa exitosa participación na Sinfonía nº 8), Orff, Shostakovich, Fauré… e colaborando, entre outros, con Emilio Aragón. Tamén ofreceron concertos a capella na Coruña e en diversas localidades da comunidade galega, así como no Auditorio de León.
O Coro, formado por uns 50 nenos e nenas de entre 10 e 14 anos e dirixido desde a súa creación por José Luís Vázquez, nace coa intención de constituír un verdadeiro centro de canto coral, para a formación de novas voces. Máis tarde, poderán formar do Coro Novo e do Coro da OSG.
O director do concerto
O contacto de José Luís Vázquez coa música comezou en 1977, como membro do Orfeón Terra a Nosa, de Santiago de Compostela, dirixido polo pai Manuel Feijóo Sousa. En 1984 obtivo a súa licenciatura en Química. Cursou estudos de canto coa soprano Ana Higueras así como con Félix Lavilla e Fernando Turina.
En 1990 ingresou no Collegium Compostelanum, agrupación fundada e dirixida por Maximino Zumalave. Nesta agrupación, como no Coro Universitario de Santiago de Compostela, ofreceu diversos concertos como solista. Como alumno de canto tamén participou nos cursos da International Bachakademie (Santiago de Compostela 1992 e 1994) e Música en Compostela (1994) e con profesores como Aldo Baldin, Andreas Schmidt, María Oran, etc.
En 2001 interpretou, como solista, a Misa da Coroación, de W.A. Mozart, xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Joan Company.
Director dos Nenos Cantores da Sinfónica de Galicia desde a súa fundación, en decembro de 1999, José Luís Vázquez está estreitamente vinculado ao coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, ao que pertence desde o ano da súa creación. Ademais, foi director do Coro do Festival Mozart na súa edición en 1999, onde participou na posta en escena do Così fan tutte, de W. A. Mozart.
Colaboradores para un proxecto común
Con esta actuación, a asociación Sementar, organizadora do concerto, pretende atraer público ao convento de Herbón, converténdoo nun espazo dinámico, aberto e susceptible de acoller eventos de tipo cultural, musical… ? a segunda ocasión na que Sementar organiza un Concerto de Nadal en Herbón xa que, en 2008, tivo moi boa acollida por parte do público o concerto do coro Collegium Compostellanum.
Sementar é unha asociación con fins culturais, medioambientais e sociais que quere tirarlle todo o proveito a un espazo privilexiado, o que conforman a horta e o edificio do convento franciscano de Herbón. Para iso desenvolve desde finais do verán de 2008 un proxecto enfocado en varias direccións: preservar e poñer en valor o seu rico patrimonio cultural convertendo tamén este espazo nun lugar de produción e fomento da agricultura e a gandería ecolóxicas e procurándolle usos de carácter social.
Para a organización e o financiamento deste concerto a asociación Sementar contou coa colaboración da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, do Seminario Galego de Educación para a Paz, da sociedade cooperativa Viravolta (dedicada á intervención psicolóxica e social e con sede en Cambados) e coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual da comarca de Baixo Sar (AMIPA). Sementar quere que a colaboración de todas estas entidades neste concerto, que ademais foi fundamental para facelo posible, sirva tamén como adianto da presentación en público, en datas próximas, dun proxecto común que vai ter como sede física o convento franciscano de Herbón e no que participarán todas elas.
Exposición do nacemento
As persoas que se acheguen ao concerto do vindeiro venres terán tamén ocasión de ver o Nacemento que a asociación Sementar acaba de colocar na igrexa, e que está formado por pezas que se conservan desde moi antigo no convento de Herbón.
A entrada ao concerto é gratuíta e as portas da igrexa permanecerán abertas desde 1 hora antes de dar comezo a actuación para que as persoas interesadas en ver o Nacemento poidan facelo con tempo.
Atentamente,
Asociación Sementar
http://sementar.wordpress.com/
Correo electrónico: sementar@gmail.com
Teléfono de contacto: 617 260 670
Rego da Manga, 55
Herbón 15915 Padrón ?? A Coruña
1 comentario
laranxa · 17-12-2009 a las 12:54
!Noraboa para a asociación sementar que contan con iniciativas moi interesantes e esquencidas!!