A lamprea xa chegou a Herbón.
Manuel Vidal, Antonio Rivera y Severino López, de izquierda a derecha, hacen el recuento de las lampreas capturadas el viernes.
Os pescadores de Padrón comezaron a tempada nas primeiras pesqueiras do Ulla ao seu paso polo concello, aínda que o gran caudal do río non lles permite traballar ben
A tempada da pesca da lamprea nas pesqueiras de Herbón, no concello de Padrón, arrancou o pasado día 4 aínda que, polo de agora, os pescadores non poden botar todas as redes debido ao elevado caudal do río Ulla. Manuel Vidal Lago, de 79 anos; Pepe Lago Suárez, de 75; Manuel López Lago, de 56 e Antonio Rivera Lago, de 43, xunto con Severino López Vidal, de 45, son os cinco homes que de luns a venres se soben a unha barca de madeira para ir a botar as redes das pesqueiras, antes das oito da tarde, para levantalas as 8 da mañá.
Os dous primeiros días de pesca non capturaron nada pero ao terceiro xa levantaron dez lampreas, que o venres foron 19 e, por certo, xeitosas. Polo de agora, non poden botar as redes nos dezanove ocos que hai no río nas pesqueiras chamadas Areas, as primeiras do Ulla ao seu paso por Herbón, debido ao gran caudal que aínda leva o río despois de dous meses de intensas choivas.
«O río aínda está bravo, está traballoso para a pesca da lamprea», explica Manuel Vidal. Este veciño da parroquia de Herbón leva dende o ano 1952 indo ao Ulla mentres que o seu primo Pepe Lago cumpre este ano medio século como lampreeiro. Os catro pescadores teñen o apelido do avó, Lago, que no ano 1900 adquiriu as pesqueiras de Herbón que aínda hoxe traballan os seus descendentes, pese a idade de dous deles. Non obstante, cando están no río, en plena faena, coas mangas remangadas, ninguén se acorda dos máis de 70 anos que teñen Manuel Vidal e Pepe Lago.
Noite
A pesares do frío destes días, os lampreeiros acoden puntuais a súa cita co río, pola tarde para botar as redes antes de que veña a noite. E polas mañás agardan a que abra o día para meterse no Ulla e fano na pequena cabana situada nunha das beiras, nas que prenden unha fogueira para quentarse. Dende o comezo da campaña, o pasado luns, o nivel de auga do río xa descendeu en máis dun metro polo que os pescadores confían en que nuns días poderán botar as redes de todas as pesqueiras e, con iso, traballar ao cen por cen. «Hai redes sen armar e pérdese de coller lamprea», conta Manuel Vidal que cre que, de seguir así o tempo, o Ulla baixará de caudal en poucos días e poderán traballar con normalidade.
A pesca artesán que practican estes homes de Herbón é todo un espectáculo digno de ver e máis se se ten en conta a idade de dous deles. Métense no río coa barca de madeira que suxeitan cunha corda a un árbore para evitar un desgusto debido a forte corrente do Ulla e, aínda así, as veces son empuxados metros cara adiante. De feito, para botar e levantar as redes aproveitan as mareas de modo que estas serven para contrarrestar a forza das correntes fluviais.
«Agora xa non se fan tantas animaladas como antes», explican os pescadores en alusión aos tempos nos que se movían con máis soltura polo río. «Os anos pasan e imos a menos», di un deles. En canto ao relevo para esta actividade artesanal, todos o teñen claro: «isto cerra a porta», xa que cren que os que veñen detrás no van a ir ao río. De feito, os pescadores de máis idade xa pensaron máis dunha vez en retirarse desta ocupación pero é algo que lles tira moito, tal e como recoñecen.
As primeiras lampreas das pesqueiras de Herbón van, normalmente, para os restaurantes da zona aínda que os pescadores consideran que non se están pagando ao prezo que merecen, tendo en conta o traballo que supón a súa pesca, moito máis traballosa que no tramo anterior, o de Cesures, onde os pescadores usan o método do buitrón.
Marzo
Nas pesqueiras de Areas, poderán traballar ata o 30 de marzo mentres que nas seguintes, chamadas As Vellas, poderán facelo entre o 1 de febreiro e o 30 de abril. En Herbón están, ademais, as pesqueiras de O Plateado, que xa non se traballan, e O Canal, estas últimas xunto ao convento franciscano, e A Trapa. Na parroquia de Carcacía tamén hai pesqueiras.
En Herbón, ao río van cada día catro pescadores que teñen parte nas pesqueiras de Areas e As Vellas, ademais dunha quinta persoa que lles axuda, Severino López, pero no reparto das lampreas capturadas entran máis persoas xa que as pesqueiras son propiedade de varios familiares, que as herdaron dos seus antepasados.
A pesca da lamprea no río Ulla ao seu paso polas terras de Herbón é un indicador máis da riqueza desta zona de Padrón, que cultiva ademais o xa famoso pemento.
LA VOZ DE GALICIA, 10/01/10
0 comentarios