O BNG pregunta ao Ministerio de Transportes polo futuro do apeadeiro de Valga tras quedar deserta a licitación para a redacción do proxecto.

Publicado por Redacción o

Carme da Silva, Miguel Lois, Fran Devesa e Susana Barreiro no lugar onde se prevé a instalación do apeadeiro
Carme da Silva, Miguel Lois, Fran Devesa e Susana Barreiro no lugar onde se prevé a instalación do apeadeiro.

O BNG trasladou ao Ministerio de Transportes, a través da senadora Carme da Silva, a súa preocupación pola situación do apeadoiro anunciado para Valga, despois de que a licitación para a “redacción do estudo de alternativas e proxecto de construción” quedase deserta ao non presentarse ningunha empresa, apenas dúas semanas despois dos anuncios realizados polo propio Ministerio e o goberno municipal de Valga.

Esta licitación, valorada en máis de 260.000 euros, propoñía inicialmente un emprazamento para o apeadoiro nun lugar situado entre as aldeas de Laxes e Castiñeiras, nunha zona que, segundo o descrito nos propios pregos de condicións da licitación, “atópase en proximidade a unha zona inundable” e “nunha zona próxima a un espazo protexido Rede Natura 2000”. O obxectivo do proxecto era conseguir unha lonxitude de andén de 160 metros, mais fixando xa a inversión máxima admisible, que nunca debería superar os 2 millóns de euros, sen IVE.

O BNG leva anos defendendo en Madrid a implantación dun servizo galego de tren de proximidade, con conexións pensadas para o día a día. Foi precisamente unha moción presentada en setembro de 2025 polo deputado nacionalista Néstor Rego coa que se iniciaron os trámites para implementar en Galiza un servizo de trens de proximidade propio, mais tamén o aumento nas frecuencias e nas prazas dispoñibles.

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “consideramos fundamental avanzar cara un modelo ferroviario moderno que conecte áreas industriais como Campaña, onde se concentran milleiros de traballadores e traballadoras en diferentes quendas ao longo do día, facilitando os desprazamentos ao traballo; mais tamén ofrecendo ás veciñas e veciños alternativas reais para acudir aos hospitais, universidades, institutos e outros servizos situados en vilas e cidades próximas, prescindindo do vehículo privado”.

Desde o BNG insístese en que un apeadoiro non ten sentido sen un servizo ferroviario útil, con frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das veciñas e veciños, dos estudantes e das persoas traballadoras. Sen frecuencias suficientes nin horarios útiles, o apeadoiro corre o risco de acabar convertido noutra infraestrutura mais sen uso en Valga, infrautilizada e afastada das necesidades reais da xente.

“Reafirmamos o noso compromiso cun transporte público útil e funcional, pensado para mellorar a mobilidade diaria da comarca, fronte á política de anuncios baleiros e infraestruturas sen servizo real”, conclúe Fran Devesa.

BNG

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.