Ir ao contido
Pontecesures.net dende 2005
Sociedade

Nestlé presume de 25 millóns investidos en Galicia tras as críticas polo ERE de Pontecesures

Por Plumilla ·

A Nestlé quere contrarrestar as críticas polo ERE da planta de Pontecesures presumindo do seu compromiso con Galicia. Segundo a compañía, o grupo que preside Pablo Isla investiu uns 25 millóns de euros na comunidade desde 2020, e a fábrica de leite condensada de Pontecesures foi a que concentrou a maior parte desa inversión.

O dato trasladouno o director xeral de Nestlé España, Jordi Llach, durante unha visita á granxa SAT Doroña, en Arzúa, provedora da planta cesureira, na que estivo acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez. A visita produciuse apenas uns meses despois das protestas polo ERE na factoría de Pontecesures, que pasou de prever 27 despedimentos a rematar en 17, nunha reestruturación que a propia Xunta chegou a cualificar de difícil de entender.

Estes son os principais datos que destacou a multinacional:

  • Desde 2021 investiu uns 4 millóns de euros en máis de 60 das 83 granxas que lle subministran leite en Galicia, destinados á redución de emisións, o benestar do gando, a agricultura rexenerativa e a biodiversidade.
  • Desde 2023 abonou preto de 1,5 millóns como prima sobre o prezo da leite ás granxas que coidan do solo, protexen as fontes de auga e fomentan a biodiversidade.

Llach defendeu que «o futuro da alimentación pasa por seguir traballando man a man xunto ao sector primario» e subliñou que se poden reducir emisións e reforzar a biodiversidade sen perder unha produción láctea de calidade. Na visita participou tamén Raúl Varela, fillo dos propietarios da granxa anfitrioa e representante dunha nova xeración ganadeira que quere seguir ligada ao sector lácteo.

Fonte: Economía Digital

Máis sobre isto

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.