Hoxe venres día 4 de de xullo, ás 12:00 será presentada na sede do Padroado de Turismo “Rías Baixas” de Deputación de Pontevedra a I Festa do Churro de Pontecesures.
Acudirán a Pontevedra, á presentación da festa ós medios de comunicación, varios representantes do goberno municipal e varios titulares das churrerías artesanas de Pontecesures.
O Padroado de Turismo tamén colabora económicamente coa festa.
Rematada a obra de saneamento no Telleiro.
NOTA DO EQUIPO DE GOBERNO DE PONTECESURES
Hai uns día rematou unha importante obra e saneamento realizada no Telleiro que motivou o peche o tráfico o vial que une o peirao coa rúa Carlos Maside por baixo da vía férrea. En concreto se conectaron os pozos que conducen as augas residuais á depuradora, as procedentes dunha importante zona de Porto nunha conducción paralela á vía do tren e que ían directamente ó río Ulla pola zona coñecida como A Pontelliña.
Con esta obra vanse depurar unhas augas residuais (algo que non se viña facendo ata agora), cumprindo os compromisos adquiridos por este goberno coa posta en marcha da EDAR hai pouco tempo, actuación afrontada pola consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
Segue a facer este goberno investimentos en saneamento pois no PPC 2008 da Deputación Provincial está previsto o saneamento de boa parte da rúa Eugenio Escuredo no peirao de Pontecesures.
Pontecesures, 2 de xullo de 2008
Os maiores de Valga tamén contan.
Medio cento de maiores de Valga acudiron ao Castelo de Soutomaior recibir a homenaxe da Deputación.
Logo dun ano cargado de actividade, a Deputación de Pontevedra fixo o acto de entrega de diplomas a máis de setenta asociacións da provincia que participaron no programa ??Ti tamén contas?, dirixido a fomentar a participación activa dos nosos maiores. E novamente, e con esta xa van tres, Axentiva, a asociación de maiores de Valga, acudía ao Castelo de Soutomaior para recibir a súa acreditación como participantes.
Arredor de medio cento de veciños das distintas parroquias valguesas partían o mércores pola tarde con destino a Soutomaior para recibir o merecido premio a un ano de traballo. Este curso, a actividade que levaron a cabo conxuntamente co organismo provincial foi de técnicas de relaxación, unha iniciativa coa que desfrutaron todos os participantes, tanto en Valga como en Campaña.
Moita festa > O acto, ademais da correspondente entrega das certificacións, estivo marcado por un claro ambiente festivo xa que a maioría das asociacións que participaron achegaron unha agrupación musical que fixo as delicias dos asistentes, non só dos compañeiros, senón tamén dos políticos que alí se congregaban, como foi o caso das vicepresidentas Teresa Pedrosa e Corina Porro e o presidente provincial, Rafael Louzán.
Os valgueses non quixeron ser menos e por primeira vez, acudiron ao Castelo acompañados por unha representación das cantareiras que ensaian en diversos lugares do municipio e que fixeron as delicias dos asistentes.
Despois do acto central, chegou a hora da merenda, na que os participantes degustaron todo tipo de produtos: zorza, orella, chourizo, empanada, tortilla, pasteis, etc, todo regado cun bo viño galego, logo da xornada calorosa.
DIARIO DE AROUSA, 30/06/08
Rematadas as obras de pavimentación das rúas Ullán e Carlos Maside.
A maquinaria da Deputación Provincial e Pontevedra rematou anteonte as obras de pavimentación destas dúas rúas que se atopaban (sobre todo a segunda) en moi malas condicións.
I Trofeo de Piragüismo Pontecesures 2008.
Dentro do programa das Festas do Carme 2008, o luns día 7 de xullo, ás 17:30 horas celebrase no peirao de Pontecesures a proba de referencia para palistas das categorías alevín e infantil.
Información e inscricións no Club Náutico de Pontecesures, tfno: 609-762437
Organiza: Club Náutico de Pontecesures.
Patrocina: Concello de Pontecesures (Concellería de Xuventude e Deporte)
Colaboran: Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Fundación Deporte Galego e Deputación de Pontevedra
O venres día 4 de xullo ás 19:30 inauguración oficial do Club Náutico.
NOTA DO EQUIPO DE GOBERNO DE PONTECESURES
Rematada a obra de rehabilitación do edificio do Club Náutico e entregada a obra ó Concello de Pontecesures, por parte da Dirección Xeral de Deportes, comunícase que o venres día 4 de xullo ás 19:30 horas, terá lugar o acto oficial de inauguración das novas instalacións.
Están convidados ó acto, representantes da Consellería de Cultura e Deportes, de Portos de Galicia, e da Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén os 11 membros da corporación municipal, a xunta directiva do Club Náutico, adestradores e palistas, á empresa que executou a obra, e ós técnicos directores da mesma.
No acto descobrerase unha placa conmemorativa e realizarase un percorrido para coñecer as novas dependencias.
Lémbrase que esta obra adjudicada pola Dirección Xeral de Deportes da Consellería de Cultura e Deporte, fora incluída no Plan de Instalacións Deportivas Xunta de Galicia-Deputación 2002/2006. Afrontou a maior parte do custo a administración autonómica, cunha achega tamén do concello, en torno á 10 % do investimento.
