Ir ao contido
Pontecesures.net dende 2005
Turismo

MANIFESTO DO 8 DE MARZO -DÍA INTERNACIONAL DA MULLER- DO CONCELLO DE PONTECESURES.

Por CONCELLO DE PONTECESURES ·

O 8 de marzo é unha data ineludible na axenda das institucións e na da propia cidadanía, dende aquel 1975 no que a ONU celebrou a súa primeira conmemoración. Nesta data, temos un marco idóneo para recordar os avances acadados en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, unha testemuña de longo proceso dunha loita inacabada que se centra na conversión dos principios básicos da igualdade legal en igualdade real.

A situación na que vivimos mostra claramente que as leis non abondan, sendo preciso traballar na construción dunha sociedade que desterre os mandatos machistas e patriarcais e que promova a equidade.

Partindo desta filosofía, esta data ten unha dobre finalidade. Por un lado, celebrar todos estes avances acadados, pero por outro, facer un chamamento ao compromiso con esta causa.

O Día Internacional da Muller, debe ser un día para reflexionar sobre a importancia de pasar á acción e romper cos prexuízos, mitos e mandatos para que as mulleres poidan ter e escoitar a súa propia voz, tanto nas esferas públicas como nas privadas.

O concello de Pontecesures, aposta por unha cidadanía comprometida coa igualdade, os dereitos fundamentais e a liberdade no sentido máis amplo. Por iso, nun día como o de hoxe, expón o compromiso de:

  • Seguir impulsando políticas de igualdade dende o eido local.
  • Continuar contemplando as realidades específicas das mulleres da contorna, así como a visibilización de cada unha das desigualdades vixentes.
  •  Destacar a importancia da educación en valores de igualdade de xénero, da solidariedade, o respecto das persoas dende idades temperás para a construción dunha sociedade responsable e comprometida.
  • Manifestar o rexeitamento ante actitudes machistas que impiden a consecución da igualdade real .

Máis sobre isto

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.