Judith Prat, hoxe no Chiscarte de Pontecesures: «Marruecos expulsoume, Turquía censuroume e outros países nin me deixaron entrar»

O I Ciclo Fotográfico Chiscarte continúa hoxe en Pontecesures cun taller e a proxección aberta ao público de «Decían que era Bruja», da fotógrafa e documentalista Judith Prat, recoñecida no ámbito nacional e internacional pola súa obra e o seu compromiso coas historias silenciadas e os colectivos vulnerables. A sesión será ás 20.00 horas en A Prazuela.
O ciclo, que enche de fotografía o municipio durante todo outubro foi presentado a mediados de setembro con 23 citas e unha achega á memoria da Cerámica Celta.
Nesta entrevista, Prat repasa a súa traxectoria: licenciada en Dereito, comezou a viaxar documentando violacións de dereitos humanos desde o punto de vista xurídico, pero acabou elixindo a fotografía «como a maneira máis natural de expresarme». Sempre buscou temas pouco contados, «silenciados, borrados da historia ou da nosa memoria», como «Aquella niebla, este silencio», sobre o esclavismo español.
Recoñece que tivo conflitos cos poderosos: as autoridades marroquíes expulsárona do Sáhara Occidental por intentar contar as violacións de dereitos que sofre a poboación saharaui; en Turquía obrigárona a borrar as tarxetas da cámara e «hai países nos que nin sequera me permiten entrar». Sen esquecer «a inxerencia máis clara no noso traballo: que a maioría dos medios non queiran publicar determinadas historias».
Preguntada polas «bruxas» do século XXI, responde que «bruxa deixou de ser un insulto: reivindicamos a memoria e os coñecementos destas mulleres asasinadas entre os séculos XV e XVIII», pero lembra que «moitas mulleres seguen hoxe a sufrir persecución, señalamiento, estigmatización e violencia». E defende o documentalismo «máis necesario ca nunca» frente á inmediatez: «hai que recuperar a reflexión, o pensamento e despois a crítica».
«Decían que era Bruja» é unha curtremetraxe documental que segue o fío da historia e constrúe un mapa visual evocador dos feitos e dos lugares clave da caza de bruxas, identificando símbolos, tradicións e estigmas co obxectivo de destruír vellos estereotipos e dignificar a memoria delas. Rodado nos Pireneos (Aragón, Cataluña, Navarra, Aquitania e Mediodía-Pireneos), establece un diálogo entre aquelas mulleres condenadas á forca ou á fogueira e as que na actualidade habitan eses vales: quen serían as bruxas agora?
Máis información na web do documental e na páxina da proxección da Fundación CB.

Fuente: Faro de Vigo (Lucía Romero)