Ir ao contido
Pontecesures.net dende 2005
Cultura

«Chiscarte» encherá de fotografía Pontecesures en outubro: 23 citas e unha achega á memoria da Cerámica Celta

Por Plumilla ·

Ilustración conceptual: cámara analóxica tipo Lomo LC-A con fuxidos de luz de estética lomográfica
Ilustración conceptual: o espírito lomográfico do Chiscarte, o novo ciclo fotográfico de Pontecesures.

O que en agosto era unha promesa confirmouse: Pontecesures acollerá do 2 ao 31 de outubro —os venres, sábados e domingos— a primeira edición do ciclo fotográfico Chiscarte, un novo foro para profesionais e afeccionados con vocación de continuidade. Serán 13 días e 23 citas entre talleres, ponencias e cinefórum, algunhas con entrada libre e gratuita, nos que desfilará preto dunha ducia dos mellores fotógrafos do país, como Brais Lorenzo, gañador do World Press Photo 2026.

O ciclo nutre ademais «Arxila», un proxecto colectivo para recuperar a memoria da emblemática Cerámica Celta. Xorde de dous profesionais con estudio na vila, Rosi Pardagunde (de orixe valgués) e Laura Paz —responsables do estudio Chíscame un Ollo—, que tras tempo investigar atoparon ocos na memoria colectiva e escaseza documental sobre a mítica fábrica. Encandiloulles a filosofía do seu fundador, que impulsou colaboracións con artistas como Castelao ou Asorey «para democratizar a arte, levala ás casas a través da súa cerámica», e decidiron replicala: reunir a creadores de distintas disciplinas e a veciñas e veciños para construír un arquivo fotográfico colectivo, coa participación da neta do fundador, Fina Diéguez. «Cada un daralle a súa propia perspectiva: hai quen quere facer reconstrucións, outros baséaranse nas pezas que mesmo chegaron a Suramérica e outros disponse a converterse en modelos, mostrando algunhas ou contando como as lembran nas súas casas», explica Pardagunde.

O sábado 24 terá lugar unha charla online con todos os implicados, aberta a máis participantes, na que comezará a dar forma a Arxila. As obras dos talleres e as achegas da comunidade darán corpo a un relato visual colectivo que culminará nunha exposición final e seguirá evolucionando ao longo de 2026 e 2027. O programa completo e os detalles dos talleres de pago pódense consultar na web de Chiscarte. O Antigo Matadoiro e o Centro Social serán os escenarios das actividades.

O pistoletazo de saída darao un taller colaborativo coa asociación extremeña SOL&ZAP sobre intervencións expositivas na rúa non invasivas e sostibles, que transformará o espazo público mediante a fotografía de xeito compartido entre os asistentes; dous dos seus compoñentes, Sol Kabañas e Felipe Zapico, expoñerán «Vacada».

Completan o cartel grandes nomes da fotografía documental e social, con traballos en publicacións como National Geographic: Judith Prat, coa proxección do seu cortametraxe «Decían que era Bruja», sobre as cazas de mulleres entre os séculos XV e XVIII, e unha charla sobre o arquivo fotográfico como ferramenta para manter unha mirada crítica; Ana Palacios, que ensinará a construír historias visuais con intención de impacto; a «eminencia da fotografía de rúa» Rafa Badía; Eutropio Rodríguez, que falará de como levar unha idea ao papel e presentará o fotolibro sobre a tradición do Entroido elaborado con Javier Iglesias Ramos; Silvia Ayerra, que abordará o potencial terapéutico e de reivindicación social da imaxe; Marcos Rodríguez, coa fotografía como forma consciente de mirar e comprender o mundo; Mer Hausmann, cunha formación práctica da súa especialidade en IA xenerativa; Roberto Aguirrezabala, posuidor do Enaire 2026, coas técnicas de creación do fotolibro como obxecto creativo; Tono Arias, que falará de proxectos editoriais; e o propio Brais Lorenzo, que achegará o público ao reportaxe fotográfico. Ademais, Andrea, do proxecto La Platanera (A Illa de Arousa), impartirá dous talleres sobre cianotipia e estampación artesanal.

O ciclo complétase co programa de fidelización Miembros Chiscarte, que ofrece descontos nos talleres, acceso prioritario ás actividades e participación en propostas exclusivas e gratuitas ao longo do ano.

Fuentes: Faro de Vigo e chiscarte.com

Máis sobre isto

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.