Ruta sábado 3 de decembro

20111129-110359.jpg
Para este Sábado 03-12-11 saída como de costume ás 15.30 do Náutico.
Todo mundo preparado con linternas, pois vainos a pillala noite.
A ruta que pretendemos facer nesta ocasión é espectacular, unha das
rutas máis bonitas que se pode facer no noso entorno: Subida a Castro
Valente para ir quentando as pernas (seguramente Tino ou Maga se
encargarán de meternos por algún “por aquí coñezo eu” que fara que as
quentemos de mais…), baixaremos Castro Valente e iremos dirección As
Fervenzas de Raxoi, continuaremos cara o Pino, colleremos dirección
Setecoros para facela subida a Xiabre pola cara norte (moito máis
bonita), faremolas fotos de rigor na cima de Xiabre e voltaremos a
través das múltiples trialeiras existentes en dirección Cordeiro. Para
rematar pasaremos polos camiños colindantes coa charca de Campaña e
final da ruta…
Esperemos que o tempo síganos acompañando e si xuntamos un grupo
numeroso como últimamente, aproveitaremos para facer unha boa foto de
grupo na cima do Xiabre.
Dende aquí, o ccpontecesures quere convidar a tódolos afeccionados á bicicleta a que se unan a esta próxima ruta.

Saída á Cabana

Ás 15:30, coma tódolos sábados, saiuse do clube náutico coa intención de ascender, esta vez, A Cabana. Padrón e Rois foron lugares de paso antes de iniciar a ascensión á Cabana. A Cabana está situada nun monte entre os concellos de Rois e Padrón. Este monte ten a caracteristica de que ofrece ao ciclista moitas alternativas para pasar unha boa tarde de bicicleta. Pódese “pistear” se se quere facer unha ruta tranquila, suave e fácil ou facer rutas máis “trialeras”. Esto ultimo foi o escollido.

Unha vez iniciada a ascensión, ritmos diferentes, pedaleos distintos, caras desiguais… pero ao final risas e bo humor cando todos, unha vez arriba, nos xuntamos para facer a correspondente foto de rigor.

O mellor sabiamos e intuíamos, estaba por chegar. As seguintes dúas horas foron espectaculares. Sendeiros, camiños de pedra, regatos… fixeron que o descenso fora algo no que todo mundo disfrutou. Incluso tamén cando chegou a noite, a pesar de que ao final xa non viamos pedras, intuíamos pedras no camiño.
Debido a que a noite xa era pechada, o grupo partiuse e sobre as 7:30 da tarde, chegamos ao noso punto de partida, ao clube náutico. Descoñezo a esta hora se o resto grupo chegou xa, pero coñecendo ao Moroko, que rodaba con eles, supoño que si chegarían… ou non.

O próximo domingo 11 de decembro está previsto realizar a ruta da auga de Armenteira. Dende o CCPONTECESURES queremos invitar a tódolos afeccionados que así o desexen, a acompañarnos nesta saída.

Nota íntegra sobre as instalacións da OMIX de Pontecesures.

O Concello de Pontecesures ten dende hai tempo unha Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) atendida por un traballador contratado polo concello. A Xunta de Galicia concede unha subvención ano tras ano para sufragar parte do custos laborais do traballador.

Ao remate do mandato do goberno anterior a oficina estaba situada no primeiro andar da Casa do Concello cumpríndose, como non pode ser doutro xeito, o establecido polo artigo 102.2.a) do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude que establece:

“As oficinas municipais de Información Xuvenil contarán como mínimo con:
a) Un local axeitado de uso exclusivo, distribuído en dúas zonas claramente diferenciadas e separadas, unha para o traballo de organización e elaboración dos materiais de consulta e outra para a atención ó público”.

Deste xeito o profesional estaba nun despacho e ao lado había outra sala, claramente diferenciada, para as funcións establecidas na normativa.
Precisamente durante o mandato anterior, a alcaldesa tiña a intención de utilizar a segunda sala para outros usos e tivo que desistir ao argumentar o propio traballador do concello que non se podía incumprir a normativa relativa aos espazos da OMIX.

Porén; a pouco de entrar o actual goberno trocou a situación. O despacho do informador xuvenil pasou a ser o despacho do primeiro tenente de alcalde, Ángel Manuel Souto Cordo, e a sala da OMIX pasou a ser o despacho do segundo tenente de alcalde, Roque Luis Araújo Rey. Agora a OMIX atópase noutro despacho do primeiro andar do Casa do Concello, pero sen sala adicional nin zona diferenciada algunha. Só hai o despacho de atención ao público por parte do informador. Todo parece indicar que se incumpre a normativa.

Quere denunciar a ACP esta situación na que non se respecta a normativa, e todo por acomodar nos seus despachos aos Sres. Souto e Araújo que teñen dedicación exclusiva e perciben un salario todos os meses gastando o goberno local uns 30.000 euros máis ao ano por este apartado de dedicacións exclusivas en relación co goberno anterior. Ademáis de sair máis caro este goberno (hai que engadir que houbo que pagar algún mobiliario para un dos novos despachos utilizados polos tenentes de alcalde), supoñemos que pode haber problemas para obter a subvención da OMIX por parte da Xunta de Galicia e iso sería grave para a economía municipal.

En consecuencia solicitamos ao alcalde que se corrixa esta situación, e se nos informe se esta incidencia pode ter unha repercusión negativa para Pontecesures en caso de que teñamos unha visita de inspección por parte da administración autonómica.

Pontecesures, 26/11/11

O concelleiro da ACP
Luis Ángel Sabariz Rolán