O auditorio de Valga ofrece en novembro dúas obras teatrais e varias charlas informativas.

O auditorio de Valga informou onte da súa programación para o mes que acaba de arrincar. Unha programación con dous bloques principais. Charlas de formación e de información, e oferta teatral.
Respecto ás primeiras, mañá, xoves, de catro a oito da tarde nas salas da instalación valguesa poderáse profundizar e aprender sobre a importancia do apoio psicosocial aos coidadores de persoas dependentes.
O plan de prevención de drogodependencias será o tema a tratar en sendas citas o venres 5, o luns día 8 e o martes 16, de catro e media a seis da tarde. E o luns 22 os interesados poderán escoitar no auditorio de Valga unha charla arredor da nutrición.
Dúas son as actuacións teatrais programadas no centro de Cordeiro este mes. A primeira delas, a escenificación de O divino sainete , de Manuel Curros Enríquez, a cargo do grupo lugués Achádego este domingo ás seis da tarde. Sete días despois, o domingo 14, O Aturuxo de Narón subiráse ás táboas de Valga para representar Non todos os ladróns veñen por mal .
Cooperativismo
Ademais, o auditorio de Valga acollerá unha xornada de cooperativismo o sábado 13, e unha asemblea dos testigos de Jehová, o domingo 21.
A programación do centro cultural de Cordeiro complétase coas tres visitas guiadas que farán os alumnos do CEP Xesús Ferro Couselo e do CEIP de Pontecesures a vindeira semana á exposición Agua: o sangue da vida , nas súas salas ata o día 12.

LA VOZ DE GALICIA, 03/11/10

Comezan as obras de reposición das beirarrúas na rúa Ullán de Pontecesures.

Na tarde de hoxe e prácticamente no quilómetro cero (rúa Ullán de Pontecesures) comezou esta obra por parte da empresa Marco, Obras y Proyectos S.L. de Vilagarcía a obra de referencia que ten un custo de 58.614 euros que son afrontados integramente polo Servizo de Infraestruturas da Delegación Territorial da Xunta.

Logo de demoler o pavimento actual que está moi deteriorado colocarase novas lousas nunha superficie de 1.523 metros cadrados. Ademáis construiranse uns pequenos muros de contención onde as beirarrúas están cedidas xa na parte alta de Infesta.

Importante mellora no pavillón municipal de Pontecesures.

No día de hoxe, reanúdase a actividade neste pavillón municipal que se atopa situado a carón do CPI Pontecesures. Dende hai tempo pavimento presentaba problemas polo seu estado esbaradizo que ocasionaba verdadeiras dificultades para a práctica deportiva. Logo de realizar varias probas, adoptouse a decisión de botar unha capa de laca ou barniz. Os traballos foron realizados dende o venres pasado e hoxe, co producto qúimico totalmente seco, reanudarase a práctica deportiva para os clubs e para as clases de educación física do CPI Pontecesures.

Logo de realizar as comprobación oportunas, parece que os problemas do solo van desaparecer por un bo espazo de tempo e iso é un motivo de satisfacción do goberno local que atende a demanda dos clubs deportivos de fútbol sala e de baloncesto que consideraban fundamental a actuación.