O PP denuncia que Pontecesures afronta o final de ano sen contrato de basura e co custo do servizo disparado

A recollida do lixo volve ao centro do debate político en Pontecesures. O grupo municipal do PP denuncia que o concello afronta o final de ano sen contrato de basura e cun custo do servizo disparado: segundo os populares, o Concello está a pagar case o dobre que en 2023, pasando dos 343.400 euros anuais aos 571.405 euros en 2025.
O portavoz popular, Manuel Vidal Seage, critica que o goberno de Maite Tocino —a punto de completar catro anos de mandato— «segue sen dar unha explicación pública e comprensible» dunha factura que considera «tan esaxerada», e advirte de que non se sabe cantos se pagarán no que resta de ano nin de onde sairán os cartos: «todo apunta aos veciños, iso si, sería despois das eleccións por táctica electoral». A súa pregunta clave: «quen vai recoller os residuos desde o 31 de decembro?»
O servizo da Mancomunidade do Barbanza rematou formalmente o 31 de marzo de 2026 e desde entón Pontecesures vive de prórrogas que caducan o 31 de decembro. Quedan menos de catro meses e, denuncia o PP, o concello «segue sen ter un contrato definitivo enriba da mesa» de cara a 2027. O problema orixinouse, sinalan, cando o propio goberno local decidiu adherirse ao sistema alternativo da Mancomunidade.
Os populares lamentan que, en vez de aproveitar estes meses para deseñar con calma unha solución definitiva, o goberno local estivese «tapando buratos» cun informe económico externo encargado con urxencia en maio para xustificar o pagamento sen concurso e cunha nova Ordenanza de residuos aprobada en xullo de 2026 que, segundo o PP, «xa incumpre un prazo legal vencido dende abril de 2025».
Fuente: Diario de Arousa