Só faltaba a Bella Otero no Belén de Valga.
O Belén artesanal en movemento de Valga está a piques de ver a luz. A asociación Amigos do Belén leva desde principios de outubro traballando a reo no local da Rúa Nova, en Campaña, para telo todo preparado. Son unhas 30 persoas que nestas datas, desde 1995, dedican varias horas ó día a construir este Nacemento, cuxa fama traspasa fronteiras. Este ano, ademais, promete novidades, como a instalación de efecos especiais que simulen o día e a noite e a incorporación de figuras e escenas novas, tal é o caso da valguesa máis famosa de todos os tempos, a Bella Otero. Tamén se adiantará a inauguración, que se celebrará o próximo domingo, 2 de decembro, ás cinco da tarde. Poderase visitar diariamente ata mediados de xaneiro.