Centos de persoas colman as rúas de Cesures na primeira gran manifestación contra o ERE en Nestlé.

Publicado por Redacción o

A marcha partiu da Praza de Pontevedra ás 12:00 horas ao grito de “non somos números, somos familias”.

Manifestación contra o ERE en Cesures
Manifestación contra o ERE en Cesures.

Pouco despois das 12:00 horas, centos de veciños, familiares e traballadores da fábrica de Nestlé en Pontecesures partiron da Praza de Pontevedra polas rúas do municipio para pedir a paralización do ERE anunciado pola compañía e que afectará a un total de 27 traballadores só na planta arousá. Trátase da primeira gran manifestación organizada polo Comité de Empresa de Nestlé Pontecesures despois dunha semana na que xa se produciron concentracións diante da fábrica.

Ao berro de “non somos números, somos familias”, centos de persoas percorreron a rúa Portarraxoi para continuar por San Lois, Sagasta e Víctor García, xirando logo por Eugenio Escuredo e rematando, preto das 13:00 horas, diante das portas do Centro de Produción de Nestlé en Pontecesures que conta actualmente con un total de 194 empregados na súa plantilla.

Ao parecer, será o 6 de xuño cando os afectados poidan coñecer os nomes e as condicións dos despedimentos

Alí, o Comité lembrou que unha multinacional como Nestlé, que obtén “ano tras ano beneficios de miles de millóns, non pode aplicar esta política de destrución de emprego, porque a eses beneficios contribuímos os traballadores co noso esforzo”, sentenciaba a presidenta do Comité, Sandra Seoane, quen leva 15 anos traballando neste centro. A mesma advertiu que, se a compañía non rectifica, continuarán as mobilizacións na defensa dos postos de traballo.

Un dos nomes máis repetidos entre os berros dos manifestantes foi o de Pablo Isla, expresidente de Inditex e actual presidente do grupo alimentario desde outubro de 2025. Cara a el ían dirixidas moitas das pancartas que protagonizaron a marcha.

Unha empresa histórica

Máis alá da afectación aos 27 traballadores e ás súas familias, este expediente de regulación de emprego tamén afecta á economía do concello e da comarca, xa que se trata dunha empresa histórica na vila da que dependen tamén proveedores locais.

Desde a súa instalación, alá polo ano 1939, a compañía chegou cun sistema novidoso procedente de Suíza, e para a xente da contorna supuxo unha forma distinta de coñecer a industria. “Falamos da principal empresa xeradora de emprego, polo que cremos que este anuncio pode ter un impacto tanto económico como social, non só en Pontecesures, senón tamén na comarca”, lembraba a alcaldesa de Cesures, Maite Tocino, quen tamén destacou que o comité de empresa conta con todo o apoio do equipo de goberno. “Nestlé leva ademais case 100 anos aquí, implantando unha nova cultura no ámbito laboral, e non podemos perder iso”, sentenciou Tocino.

Medo e incerteza

Pola súa parte, entre os traballadores o sentimento predominante é o medo, a incerteza e tamén certa impotencia. Gustavo Migueis leva 14 anos traballando no Centro de Produción de Cesures e asegura que “estamos preocupados pola situación. A información é pouca e para a semana temos pensado parar un día enteiro e, se non nos dan solucións, pensamos parar dous, tres ou toda a semana”. Ao parecer, será o vindeiro 6 de xuño cando os afectados poidan coñecer os nomes e as condicións dos despedimentos, segundo adianta o propio Gustavo.

“Nestlé tiña fama de ser unha empresa para toda a vida e, de súpeto, pasa a ser unha empresa máis”

Moi preto del marchaba tamén nesta multitudinaria manifestación Javier Casal, quen leva oito anos traballando na fábrica cesureña e ten clara a súa opinión: “Se de repente sobran 27 persoas, por que se contrataron esas 27 persoas de máis? Nestlé tiña fama de ser unha empresa para toda a vida e, de súpeto, pasa a ser unha empresa máis”.

Coma eles, moitos outros traballadores e traballadoras reivindicaron unha negociación que permita frear este ERE.

No que respecta ao estado actual dos contratos na fábrica, ao parecer esta viviu un pico de contratacións no ano da pandemia, cando se disparou a industria alimentaria, pero desde entón non se produciron novas incorporacións. Con todo, Seoane lembra tamén que nos próximos meses de verán veránse na obriga de traballar sete días á semana, xa que na compañía hai dous ou tres meses ao ano nos que se produce o que coñecen como “pico de produción”. Este ano, ese pico coincide coa tempada estival, polo que considera aínda máis incoherentes estes despedimentos. “Reduciron o número de persoas que podiamos desfrutar das vacacións simultaneamente para garantir esa produción que vén e, ao mesmo tempo, dinnos que sobran 27 persoas. Non ten sentido”, conta a presidenta do comité.

Próximos pasos

Seoane adiantou tamén que mañá volverán reunirse para anunciar as novas accións que levarán a cabo nestes días. Mentres, en Barcelona, despois da reunión do pasado venres, a dirección ratificou que o procedemento non responde a causas económicas, senón que se fundamenta nunha falta de sustentabilidade do modelo de negocio a medio prazo. Ademais, alegou un cambio no comportamento do consumidor e un incremento sostido dos custos das materias primas e da loxística.

En canto ás próximas citas a nivel nacional, están fixadas para os días 20 e 21 de maio. Entre tanto, a batalla continuará en Cesures porque, se algo teñen claro, é que o obxectivo é reducir ao mínimo o número de persoas afectadas. 

Diario de Arousa

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.