O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destina 10.000 Euros a Filipinas a través de Acnur e abre unha conta de emerxencia.
A asociación de concellos e deputacións apoia á poboación a través da axencia da ONU para as persoas refuxiadas e recadará fondos para a reconstrución
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (do que forma parte o Concello de Pontecesures) vén de doar 10.000 euros ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) para axudar a poboación afectada polo tifón Haiyán en Filipinas. A axencia das Nacións Unidas está prestando asistencia humanitaria en terreo ás e aos superviventes do devastador ciclón que o 9 de novembro arrasou a rexión central do país.
A Asemblea de socios do Fondo Galego, integrado por 90 concellos e dúas deputacións, resolveu ademais poñer a disposición a súa conta de emerxencia para esta causa. Cos fondos recadados financiaranse proxectos de reconstrución na zona unha vez superada a situación de emerxencia e cando, previsiblemente, a desatención informativa agrave a vulnerabilidade das vítimas. As persoas e entidades que desexen realizar a súa achega poden facelo no número de conta 2091 0209 10 3040019000 de Novagalicia Banco, indicando â??Emerxencia Filipinasâ?�.
Os datos oficiais cifran nunhas 4.000 as persoas falecidas por mor do supertifón, aínda que segundo outras fontes poderían chegar a 10.000. A Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios estima que 13 millóns de persoas se están vendo afectadas polo tifón Haiyan e que máis de catro millóns foron desprazadas. Perante esta situación, o Fondo Galego vén de manifestar a través dun comunicado as súas accións e o desexo do municipalismo galego de que â??a emerxencia humanitaria que agora comeza exprese o mellor do sistema internacional de cooperación para fuxir de grandes erros presentes noutras recentes catástrofes humanitarias, primando a atención ás vítimasâ?�.
O texto prosegue indicando que â??as consecuencias deste desastre natural obrígannos necesariamente a reflexionar sobre a necesaria posta en valor do Obxectivo do Milenio nº7: Garantir a sustentabilidade ambiental, facendo un chamado a Estados e empresas a respectar os acordos internacionais que formulan a consecución desta metaâ?�. Neste senso, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a financiar dous proxectos de senllas ONGD galegas a prol da prevención de riscos fronte aos desastres naturais en Cuba e El Salvador.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
