A Festa do Pemento de Herbón homenaxeou o produto e aos veciños que o cultivan.

Publicado por Redacción o

A cita gastronómica da parroquia de Padrón repartiu máis de 3.000 racións e consolida o seu tirón popular e turístico

Herbón non tivo que agardar onte a que o aroma dos pementos fritidos enchera o ambiente da carballeira do convento franciscano para que este espazo se quedara pequeno para acoller a todos os amantes do auténtico produto. Dende 1978, coa excepción dos anos do covid, a parroquia de Padrón convida o primeiro sábado de agosto a degustar o auténtico pemento, ese que mesmo levou onte a Herbón a un equipo da televisión coreana para gravar un programa de viaxes, así como a centos de persoas, entre elas moitos visitantes, que gustan especialmente desta festa declarada de interese turístico de Galicia.

A cita está organizada por unha comisión de veciños da parroquia e un deles resumiu moi ben ante as cámaras coreanas a esencia da festa gastronómica: é a conxunción dun produto único coa hospitalidade do pobo, da xente que traballa o cultivo.

Foi algo que tamén destacou o pregoeiro desta edición, o presentador e comunicador Duarte Galbán, quen fixo unha defensa acendida do pemento de Herbón, que non de Padrón, e tamén das mulleres e homes que fan posible que se traballe o cultivo tantos anos despois de que a planta fose traída polos frades á parroquia. «Falar da festa do pemento de Herbón é falar de traballo, terra, identidade, cultura e de país», asegurou o pregoeiro que mesmo entoou unha regueifa dedicada á cita ao estilo do popular Pinto d´Herbón.

Tanto o pregoeiro como o propio condutor do acto institucional, ao que asistiu o alcalde de Padrón, Anxo Arca, fixeron un chamamento á xuventude para que se una á comisión organizadora da festa, co fin de mantela no tempo, tendo en conta ademais que o cultivo do pemento arrastra un grave problema de relevo xeracional. «Só co traballo da xente nova e con vontade vivirá moitos anos máis», asegurou Héctor Bermúdez, de Radio Valga.

Esta edición tivo, ademais, unha lembranza especial para os membros da comisión que xa non están ou non poden asistir, e tamén unha mención para aqueles veciños que se viron afectados polo incendio forestal e para os que colaboraron nas tarefas de extinción, tal e como lembrou o pregoeiro.

Polo demais, os asistentes á festa chegaron cedo á carballeira do convento para mercar os vales (5 euros) cos que recollían un prato conmemorativo cunha ración de pementos, cachelos e pan de millo. Había 1.000 pratos dispoñibles e servíronse máis de 3.000 racións xa que, unha vez que todos tiveron a primeira entrega, podíase repetir ata esgotar existencias. Sen comer pementos só marchou quen quixo, como un veciño da parroquia, que reside en Valga, e que acudiu á festa só a mercar o prato conmemorativo, como fai cada edición dende hai 46 anos.

«Vin polos pementos e quedei pola festa» é o lema da cita, escrito nas camisetas que vendeu a comisión para recadar fondos e que se esgotaron nas tallas grandes, e que se fai realidade cada primeiro sábado de agosto, data elixida pola parroquia para exaltar o auténtico pemento, nunha xornada na que tamén saca os tractores engalanalos con motivos da terra para ir ata Padrón a ensinar o traballo dos produtores e a realizar unha ofrenda floral ante a estatua da Pementeira. Este ano foron 34 tractores e houbo premios para eles.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.