Os Camiños Portugués e da Costa melloran a súa seguridade viaria en 14 concellos, incluído Pontecesures
O Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago volve dar un paso adiante coa publicación no Diario Oficial de Galicia do proxecto de trazado dos tramos comúns do Camiño Portugués e do Camiño da Costa. O obxectivo principal é separar aos peregrinos do tráfico rodado en 14 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña.
A actuación afecta a un total de 248 predios e inclúe a Pontecesures entre os municipios beneficiados, xunto con Redondela, Vilaboa, Barro, Portas, Tui, Pontevedra, Baiona, O Porriño, Valga, Padrón, Teo, Rois e Ames. A documentación completa, coa relación de bens e propietarios afectados, xa está dispoñible na sede de Turismo de Galicia, nas áreas provinciais, nos concellos implicados e na web de Turismo de Galicia.
A partir deste mércores 5 de agosto abre un prazo de 30 días hábiles para que as persoas afectadas poidan presentar alegacións, rectificar erros ou opoñerse ao proxecto ante a Axencia de Turismo de Galicia. Unha vez atendidas as observacións, o Consello da Xunta aprobará os trazados definitivos para proceder á execución das obras.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago, que conta cunha inversión global de máis de 40 millóns de euros e actuacións en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas terrestres. Xa pasaron por este trámite o Camiño Primitivo, Fisterra-Muxía, o de Inverno, o Inglés e o do Norte.
Fonte: Xornal21
0 comentarios