ACP denuncia a existencia dun vertedoiro incontrolado na rúa Calera de Porto.

Preto das súas casas, os veciños da rúa Calera de Porto están a soportar, co conseguinte malestar, como se está a formar este vertedoiro incontrolado. Os terreos. en estado de total abandono, onde están depositados os escombros, son propiedade de Portos de Galicia, pero o goberno local de Pontecesures consinte que se depositen os residuos neste espazo ocasionándose un problema de seguridade e estética a carón dunha pista municipal moi concorrida.
Segundo as informacións obtidas, os escombros proceden de obras realizadas na zona, pero o que é gravísimo, e que tamén fora o propio concello o que deixara alí residuos procedentes de algunha actuación muncipal. Resulta lamentable que, en lugar de dar exemplo, sexa o persoal municipal o que deposite escombros neste punto contaminando a zona. Se o concello fai iso, ¿que forza moral ten para requirir aos particulares que non o fagan?.

Xa en época do goberno anterior houbo que gastar miles de euros dos recursos municipais para retirar grandes cantidades de escombros que estaban acumulados dende había anos na explanada portuaria, preto da EDAR, e así foi recuperado un espazo para a celebración das Feiras do Automóbil. Esperemos que a qun sigan acumulándose agora residuos, xesionando o goberno local a retirada dos mesmos e a limpeza do terreo, para que non ter que destinar dentro dun tempo cantidades importantes a dita limpeza ou ser obxecto de sanción por parte das autoridades medioambientais.

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures

Os rapaces e rapazas que están participando na ludoteca de verán visitarán a exposición “Galicia conservando a natureza” na Casa do Concello.

O vindeiro venres 13 de xullo a partir das 11.00 da mañá os rapaces e rapazas que están a participar na ludoteca de verán en Pontecesures farán unha visita guiada á exposición GALICIA: CONSERVANDO A NATUREZA na Casa do Concello de Pontecesures. Esta visita guiada, ademais, está aberta a tódolos rapaces/as que queiran asistir; tan so teñen que estar as 11.00 horas na Casa do Concello.

Exposición Galicia: Conservando a natureza.

Trátase dunha exposición didáctica itinerante presentada pola Xunta de Galicia e a Obra Social La Caixa.

Na aula do semisoto da Casa do Concello de Pontecesures dende o 9 ata o14 de xullo, aberta ao público de 9.00 a 14.00 horas.

O obxectivo desta exposición é presentar ao público a diversidade e singularidade dos nosos espazos naturais protexidos, co fin de concienciar á poboación sobre a importancia da conservación do medio natural, e do seu propio papel na preservación da natureza e das súas especies

A exposición incorpora material expositivo e didáctico, con visitas guiadas e xogos, a través dos cales os visitantes poderán comprender o significado das figuras de protección, e desenvolverán actitudes de responsabilidade fronte a conservación ambiental.

O cemiterio municipal de Condide segue sen limparse.

O día 20 de xuño, xa publicou este grupo a queixa ao non cortarse a maleza a carón dos panteóns do cemiterio municipal de Condide.

Caso omiso fixo o goberno local, e agora cada vez hai máis queixas de veciños. ? triste, pero algún deles, tivo que cortar pola súa conta a maleza na fronte do nicho dun familiar por respecto e xa canso da situación.

Instase ao goberno local para que se limpe de inmediato o cemiterio. Estamos a dar unha imaxe lamentable diante dos nosos veciños.

Pontecesures, 02/07/12

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures

A ACP solicita que se limpe o cemiterio municipal de Condide.

Varios veciños queixáronse ante nós polo estado no que se atopa o cemiterio muncipal de Condide, con maleza precisamente fronte aos panteóns e coas zonas de xardín que levan tempo sen acondicionarse.

Polo exposto solicítase ao goberno local que se acometan os traballos de limpeza do cemiterio de xeito urxente. Non resulta agradable para os visitantes da instalación municipal atopar a mesma en malas condicións e non debemos dar esa imaxe como institución.

Pontecesures, 19/06/12

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures